Serafín Otero reclama ao goberno local que faga público o proxecto de reforma de Balaídos
O candidato nacionalista critica que PP e PSOE xogan de forma electoralista desde a Deputación e o Concello
Vigo, 27 de xaneiro de 2015.- O candidato do BNG ás vindeiras eleccións municipais, Serafín Otero, demanda ao goberno municipal que dea a coñecer publicamente o proxecto integral de reforma do estadio de Balaídos, se é que o ten elaborado, apunta. Ao seu xuízo, a cidadanía ten dereito a saber que se vai facer e en que prazos, canto vai custar e cantos cartos públicos se van destinar.
"O PP e o PSOE non poden xogar de maneira electoralista desde a Deputación e o Concello cun asunto tan importante como a reforma do estadio de Balaídos, subliñou Serafín Otero, para quen coa actitude tanto de PP como do PSOE semella que o problema é quen saca máis rédito partidista, quen sae máis ou menos na foto.
O candidato nacionalista considerou que se trata dun proxecto de cidade e dunha remodelación indispensábel para garantir a seguridade de xogadores e público. Destacou que desde o BNG volvemos a insistir, como xa fixemos hai varios meses, en que o que ten que facer o goberno local é dar a coñecer publicamente o proxecto integral.
Ameazas veladas
Sabendo que a reforma é indispensábel, seguimos a defender que esta debe estar orientada á mellora da seguridade e a lograr unhas instalacións máis funcionais, afirmou Otero, quen asegurou que Vigo non precisa outro Plan Nouvel en Balaídos. Pola contra, defendeu que en lugar de polemizar desde os medios o que ten que facer o alcalde é dar a cara, e presentar de maneira transparente o proxecto.
Por outro lado, cualificou de intolerábel que a Deputación ameace de maneira velada con retirar a súa achega económica polo feito de que ningún representante do PP saíse na foto da falsa primeira pedra. Segundo criticou, PP e PSOE volven estar de acordo en algo: en colocar as necesidades da cidade por detrás dos seus intereses partidistas.