O BNG critica a decisión do Concello de Vigo de encaixar a Feira do Libro nun lugar “inaccesíbel e sen visibilidade”
A fronte nacionalista lamenta a falla de apoio institucional a este evento, reducido este ano a un anexo dentro doutra festa e situado nun espazo estreito da peonil do Calvario
Chama a potenciar a Feira como parte dunha grande Semana da Literatura en Vigo, ampliando a programación de actividades e buscando unha localización axeitada
Xabier P. Igrexas: “Vigo merece moito máis que unha Feira do Libro minguada, con só 5 librarías, por causa das políticas dun Goberno municipal que despreza a cultura”
O Bloque Nacionalista Galego critica a decisión do Concelo de Vigo de encaixar a Feira do Libro nun lugar “inaccesíbel, estreito e sen visibilidade” na peonil do Calvario. A fronte nacionalista cuestiona a falla de apoio institucional a este evento durante os últimos anos, que este ano conta cunha “mísera” subvención municipal de 7 mil euros e foi reducida a un anexo dentro doutra festa.
“O BNG temos que lamentar máis unha vez o profundo desprezo que o goberno de Abel Caballero ten coa cultura en xeral e coa literatura en particular”, reprochou o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, que asegurou que este “menosprezo” quedou en evidencia pola ausencia de representantes do Goberno local no pregón de inauguración, malia contar con 19 edís na Corporación.
Fronte a este situación, Igrexas chamou a potenciar a Feira do Libro, inserindo o evento nunha grande Semana da Literatura en Vigo cunha ampla programación de actividades acertando nunha localización axeitada. Ademais, o concelleiro nacionalista propuxo a posta en marcha dun certame literario da cidade e dun Forum Editorial con perspectiva internacional que pule pola proxección internacional nomeadamente coa lusofonía.
“Vigo merece moito máis que unha Feira do Libro minguada e invisibilizada, onde só participan 5 librarías, Vigo ten que ser a grande cidade galega do libro”, defendeu o portavoz municipal do BNG
Nese sentido, apostou por despregar políticas que apoien o importante tecido editorial instalado no concello e o “talento imparábel” das e dos autores vigueses. “De pouco serve gabarnos do vizoso sector editorial de Vigo e das súas escritoras e escritores se ese orgullo non se traduce en políticas públicas que potencien e acheguen os libros a toda a veciñanza”, remachou.