Pontón pide un voto masivo para o BNG desde a ilusión e o orgullo do noso para lograr un grupo galego forte en Madrid
“Non é momento de votar por medo nin polo mal menor, senón de coller con ganas a papeleta BNG para defender Galiza e frear ao PP”
Carme da Silva: “Toca ser decisivos para condicionar a política estatal a favor da maioría social deste País e acabar coa discriminación”
A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu aos galegos e galegas que acudan a votar o domingo masivamente “con ilusión, con ganas e con orgullo do noso” para encher as urnas de votos BNG e darlle a Galiza un grupo galego forte que a defenda en Madrid e que sexa decisivo na conformación do próximo Goberno do Estado.
Neste sentido, salientou que “ningún voto rebelde e de País pode quedar na casa este 23 de xullo, hai que encher as urnas de votos BNG sabendo que non imos fallar nin defensa de Galiza nin na defensa dos dereitos e liberdades, parándolle os pés ao PP de Feijóo cada vez máis ultra que vai de ganchete coa extrema dereita antigalega”, proclamou no mitin de Vigo, xunto coa cabeza de candidatura por Pontevedra, Carme da Silva.
Apelou deste xeito á cidadanía galega a activarse o 23X para facer posible un grupo forte orgullosamente galego, fronte a unhas forzas estatais, “todas e cada unha, que levan anos alternándose na discriminación a este País en función de quen sente na Moncloa, e que din unha cousa aquí e a contraria en Madrid”. As forzas que, ironizou, veñen en campaña a dar leccións sobre que é o voto útil cando na pasada lexislatura “un só deputado do BNG foi máis útil para mellorar a vida dos galegos e das galegas que os 22 restantes”.
Subliñou, neste sentido, que a verdadeira alternativa a Feijóo en Galiza é o BNG, que lle está disputando escanos ao PP nas catro provincias, de aí o chamamento a unificar o “voto rebelde, inconformista e de País” na papeleta nacionalista, porque “cada escano máis do Bloque é un menos para Feijóo”.
“Non é momento de votar por medo nin polo mal menor, senón de coller con esperanza, con orgullo e con ganas a papeleta BNG sabendo que esa papeleta vale dobre: para defender Galiza e para frear ao PP”, insistiu a portavoz nacional. “Que non nos confundan os contos das forzas centralistas, que só ven en Galiza un caladoiro de votos”, advertiu.
Subliñou ademais que o BNG foi a máis ao longo desta campaña, mobilizando un maior número de persoas nos actos e como demostran tamén os datos internos que manexa a organización, datos que indican que a formación que lidera está disputándolle escanos ao PP nas catro provincias. “Conseguir un grupo galego forte é posible, claro que si e témolo ao alcance da man”, sostivo Pontón no mitin de Vigo.
Para conseguilo, basta con que a cidadanía que xa votou BNG nos útlimos comicios renove a súa confianza este domingo. “Co resultado das galegas teremos grupo galego forte e co resultado das municipais teremos grupo galego forte este 23 de xullo, fagámolo posible”, apelou.
Pontón concluíu facendo un chamamento á xente moza para que se mobilice, “que encha as urnas de rebeldía e de orgullo para defender unha Galiza na que poidan ter futuro, unha Galiza verde que loita contra o cambio climático, diversa, plural, inclusiva. A toda esa xente moza que quere vivir nunha Galiza mellor, nun planeta mellor, confiade no BNG este 23 de xullo é a do BNG”.
A “cara” e o “chotis” de Feijóo
A cabeza de lista por Pontevedra Carme da Silva tamén pediu hoxe en Vigo que o vindeiro domingo “Galiza gañe o seu futuro” chamando ás persoas inconformistas, rebeldes e con amor ao País a votar ao Bloque porque “máis BNG é máis Galiza e menos PP” no Congreso.
A candidata destacou que o 23 de xullo vai de cambiar o guión, “de sermos protagonistas da nosa historia”. Salientou que ao elixir a papeleta é preciso pensar en rexenerar e recuperar as rías o litoral, en ter o ferrocarril que precisa Vigo, a saída sur, o Corredor Atlántico, o tren de cercanías, na tarifa eléctrica galega, na AP9 galega e libre de peaxe, na lingua e a cultura, e en frear o espolio eólico.
Da Silva lembrou que en Madrid deciden sobre moitas cousas “e cando deciden por nós ten consecuencias”. Lembrou que Galiza ten as segundas pensións máis baixas do estado, está no furgón de cola das infraestruturas, e “queren que asumamos os custes sociais e ambientais do espolio eólico dos nosos montes e mar”.
“O 23 de xullo xogamos que estas decisións económicas, industrias, enerxéticas e fiscais se tomen tendo en conta os intereses dos galegos e das galegas”, insistiu, salientando que nos últimos catro anos demostrouse a utilidade da presenza do BNG no Congreso porque cun só deputado “conseguimos logros históricos”, como a rebaixa das peaxes da AP9.
“Agora toca sermos decisivos. Queremos condicionar, en favor de Galiza, a política do Estado”, insistiu, destacando que “máis BNG é garantía de menos dereita. E máis BNG é garantía de máis investimentos, mellores infraestruturas, máis recursos para Galiza”, dixo.
Foi moi dura a nacionalista coas políticas de Feijóo, de quen dixo “ten moita cara” ao dicir en plena campaña que á xente só lle preocupa ter o médico cerca e que os fillos e fillas non teñan que marchar para traballar. “Di iso o mesmo Feijóo que eliminou médicos dos centros de saúde na nosa terra. Di iso o mesmo Feijóo que fixo marchar a 200.000 mozos e mozas na última década para buscar un porvir... e aínda lles regalou as maletas coa súa política”, destacou.
“Estamos a disputar deputados ao PP en todas as provincias, e cada escano do BNG é un menos para o PP de Feijóo”, dixo, asegurando que o ex presidente da Xunta “ensinou a cara e cambiou a mentira de Galicia, Galicia, Galicia pola verdade, polo que sempre lle interesou e preocupou, polo chotis de ‘Madrí, Madrí, Madrí”.
Políticas para a mocidade
O candidato Brais Ruanova, pola súa banda, apostou por políticas de mocidade para as que o BNG defende un investimento do 1% dos Orzamentos Xerais do Estado. “Escoitamos unha e outra vez que a xente nova somos o futuro, pero no BNG afirmamos que a xente moza Galega somos ante todo presente. Que temos dereitos, que temos necesidades e que só se poden atender sentándose con nós a escoitarnos. Que diante dunhas nulas perspectivas de futuro, que diante do difícil de nos emancipar con dignidade, no BNG aspiramos ser oportunidade”, destacou.
Defendeu, ante isto, xestión das políticas xuvenís dende Galiza, e desenvolver estratexias autocentradas de fomento do emprego xuvenil, de vivenda, de lecer, que garantan unhas condicións de vida dignas en Galiza.
“Nunha Galiza na que o 90% das menores de 30 anos non se pode emancipar, apostamos pola transferencia dos inmobles da SAREB, co fin máximo de poñer toda esa vivenda ao servizo da cidadanía, nomeadamente da súa mocidade. O BNG apostamos por destinar o 1% dos Orzamentos xerais do estado a políticas específicas para a mocidade. A nos dotar dun servizo de transporte público no noso país que sexa do século XXI”, dixo.
Máis Néstor Rego no Congreso
Pola súa banda, o portavoz municipal de Vigo, Xabier P. Igrexas chamou a todas as viguesas e vigueses a usaren a forza do seu voto para contrarrestar a desidia das forzas estatais “porque unhas e outras din unha cousa e á hora da verdade fan a contraria ao ditado dos seus xefes”. Criticou o nacionalista a inacción das dúas deputadas viguesas do PSOE no Congreso, Ángeles Marra e Olga Alonso, e do deputado vigués do PP, Diego Gago, a quen puxo como exemplo das portas xiratorias “das que tanto gostan as forzas centralistas”.
Pola contra, dixo Igrexas, Vigo si tivo voz e voto no Congreso. “Tivo unha voz firme e insubornábel no compañeiro Néstor Rego, que trasladou de maneira continuada as demandas e necesidades da maior cidade do noso País”. Subliñou que tivo un voto decisivo que logrou facer suprimir a peaxe de Chapela ou reducir á metade a estafa da AP9, reclamou a fin da navallada da autoestrada que tronza o barrio de Teis, esixiu medidas para blindar a continuidade de actividades estratéxicas como o sector naval, a automoción ou a pesca, e pediu que a Sareb deixe de comportarse como un fondo voitre acosando a veciñanza da Privada Moderna no Calvario, e poña as súas vivendas ao servizo dun parque público.
Fronte a cada demanda, lembrou o voceiro municipal, recibiuse un non das forzas estatais. “Un non que deixou a Vigo sen 167 millóns de euros de investimentos do Estado que o BNG reclamamos nas emendas aos orzamentos. Por iso, o que precisamos as viguesas e vigueses é de moitos e moitas máis Néstor Rego no Congreso”, subliñou.