O BNG de Vigo pide a Xunta e Concello que non utilicen situacións de vulnerabilidade social na súa “permanente lea partidista”
Demandan que se atendan coa máxima axilidade as demandas das familias afectadas polo tráxico incendio de Afonso X
A fronte nacionalista reclama que todas as administracións cooperen para despregar políticas efectivas que ofrezan alternativas habitacionais dignas na cidade ás persoas en situación de vulnerabilidade social
Xabier P. Igrexas: . “As viguesas e vigueses non se merecen o espectáculo que nas últimas horas se está a dar entre o Goberno municipal e a Xunta. O que precisa e merece a cidade é que ambas as dúas administracións deixen de confrontar, comecen a traballar e resolvan o problema”
O Bloque Nacionalista Galego recalcou esta mañá que o tráxico incendio da rúa Afonso X, na cidade de Vigo, deixou en evidencia as “graves deficiencias e insuficiencias” dos dispositivos e protocolos de intervención en situacións de vulnerabilidade social. A fronte nacionalista pide a Xunta e Concello que deixen de utilizar esta problemática como “arma na súa permanente confrontación partidista”.
Así o manifestou o Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que cualificou de “indecencia” o sucedido nas últimas horas nas que os gobernos municipal e galego intercambiaron “reproches e acusacións” en relación á desatención das necesidades sociais das familias residentes no inmóbel incendiado. Igrexas instou a ambas as dúas administracións a atender coa máxima axilidade as demandas das familias afectadas enfatizando o seu “dereito á retornar á normalidade en condicións dignas”.
Desde a fronte nacionalista defenden a necesidade de abordar un cambio de rumbo nas políticas para enfrontar a situación de emerxencia social que atravesa a cidade. Neste sentido, lembran que en Vigo son 60 mil as persoas en risco de exclusión social e pobreza (segundo o índice Arope), e que existe un gravísimo problema de acceso social á vivenda como evidencia que existindo máis de 20 mil vivendas baleiras (datos do INE) haxa máis de 6 mil familias rexistradas como demandantes de vivenda protexida, existan varios centos de persoas sen fogar e sexan millares as familias traballadoras que non se poden permitir “o luxo” de vivir na cidade olívica.
Fin da lea partidista
Igrexas defendeu que é necesario que todas as administracións públicas (Concello, Xunta e Goberno español) cooperen para despregar políticas efectivas que ofrezan alternativas habitacionais dignas na cidade ás persoas en situación de vulnerabilidade social e garantan o dereito a unha vivenda para o conxunto da poboación. A este respeito sinalou que “a Xunta do PP ten que deixar de poñer escusas e exercer as súas competencias na cidade de Vigo tanto no que ten a ver coas políticas sociais como tamén en materia de vivenda”,
“As viguesas e vigueses non se merecen o espectáculo que nas últimas horas se está a dar entre o Goberno municipal e a Xunta. O que precisa e merece a cidade é que ambas as dúas administracións deixen de confrontar, comecen a traballar e resolvan o problema”, remachou.
Xuntanza con Sociedade Xitana
A reunión prevista para esta mañá con representantes do colectivo Sociedade Xitana non se puido celebrar por causas organizativas e, a petición da entidade, acordouse reprogramala para os vindeiros días, tendo xa estabelecido canles de comunicación directa co seu secretario xeral, Ángel V. Benedicto, para coñecer de primeira man as necesidades das familias afectadas.