Santi Domínguez: “O goberno local leva dous anos sen facer nada no sector turístico”

Santi Domínguez: “O goberno local leva dous anos sen facer nada no sector turístico”

A raíz do apoio do BNG á moción popular que demanda a elaboración dunha estratexia de promoción turistica de Vigo, o concelleiro do BNG Santi Domínguez, criticou a actuación do goberno local no eido turístico e considerou que leva dous anos “sen facer nada” nun sector tan importante para a cidade. Criticou ademais que o goberno municipal non se reúna cos colectivos do sector para poñer en marcha novas iniciativas.

O concelleiro nacionalista tamén criticou ao PP ao considerar que a caída do número de turistas é consecuencia da terrible crise económica actual, a subida do IVE, o aumento do número de persoas desempregadas e, en definitiva, polas “políticas que aplica o PP no estado e na Xunta”.

“Cando o BNG tivo competencias en turismo conseguiuse asinar o Plan de Competitividade Turística, que trouxo a Vigo máis de 3 millóns de euros, e creouse o Vigo Convention Bureau”, lembrou Santi Domínguez, quen advertiu ao alcalde que non debe confudir o significado de turismo. “Non se trata de enviar xente fóra, senón de que a xente de fóra veña a Vigo”, ironizou.

Campos de fútbol

Por outro lado, Xabier Alonso expresou o respaldo do Bloque para que os campos de fútbol da Madroa se destinen aos equipos de fútbol de base unha vez que o R.C. Celta se traslade as instalacións da Cidade do Deporte.

O concelleiro do BNG tamén fixo un chamamento á Deputación de Pontevedra para que restitúa ao Concello de Vigo os campos de fútbol aos que se lle instalou herba sintética froito dun acordo entre ambas administracións asinado hai varios anos.

Cultura

Finalmente, o BNG rexeitou a proposta popular que defendía a institucionalización dunha xornada de 24 horas ininterrompidas de acción cultural. Ao respecto, a portavoz municipal nacionalista expresou a sorpresa do Bloque pola presentación desta moción, tendo en conta que a política do PP, como a subida do IVE provocou a perda de máis de 2.800 postos de traballo no sector cultural.

“Imos abrir 24 horas museos que están a piques de converterse eles mesmos en pezas de museo e cando a nosa industrial cultural desaparece”, comentou a nacionalista en referencia a situación que atravesa o Museo do Mar.

Santi Domínguez: “O goberno local leva dous anos sen facer nada no sector turístico”