Serafín Otero critica que o alcalde pretenda frear o colapso dos servizos sociais con parches
O candidato nacionalista lembra que grazas ao BNG aumentaron os investimentos sociais en Vigo
Vigo, 23 de xaneiro de 2015.- O candidato do BNG ás vindeiras eleccións municipais, Serafín Otero criticou que o alcalde tente frear o colapso dos servizos sociais do Concello mediante parches. Deste xeito, considerou inaceptable que da bolsa de emprego anunciada por Caballero non se coñezan cantas contratacións se van realizar, cando e durante canto tempo.
A situación dos servizos sociais é límite, subliñou o nacionalista, para quen non é tolerábel que haxa que agardar máis de 40 días para que se valore unha axuda social de emerxencia como o RISGA e que tarde meses en tramitarse. Neste sentido lembra que o BNG xa propuxo, o pasado mes de outubro, a través dunha moción, que se adoptasen medidas urxentes para reforzar con todos os medios humanos e materiais que fosen necesarios os servizos sociais.
Otero lembra que nesta proposta o BNG trasladou a demanda do propio persoal do departamento e o reclamo que onte facía o Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza, para que o Goberno Municipal dote do persoal necesario o servizo. Iso é o que debera ocupar ao alcalde, en lugar de perder tempo mentindo e intoxicando contra o BNG, e repetindo falsidades que caen por si mesmas, manifestou ao respecto.
Condición para aprobar os orzamentos
Nesta cidade todo o mundo sabe que o continuado aumento nos orzamentos de benestar social desde 2007 foi grazas ao compromiso do Bloque, primeiro no goberno e logo na oposición a través de emendas aos orzamentos que propuña o Goberno, subliñou o candidato nacionalista, quen recordou que o BNG propuxo, como condición para apoiar os orzamentos de 2013, a creación das axudas sociais de emerxencia.
Asemade, Serafín Otero destacou que grazas ao BNG se aumentaron as partidas para escolas infantís, para comedores ou axuda de libros de texto. Nós non admitimos leccións de compromiso social de quen ao tempo que anuncia máis e máis obras nas rúas, e segue gastando milleiros e milleiros de euros en propaganda, négase a que as persoas sen emprego e sen ingresos poidan utilizar gratis o autobús urbano, manifestou.