O BNG condena o atentado no despacho do avogado que defende a querela contra o franquismo

O BNG condena o atentado no despacho do avogado que defende a querela contra o franquismo

O Bloque insta ao goberno galego a “non mirar cara outro lado” diante desta agresión e a actuar para perseguir aos autores

 

O BNG quere expresar a súa máis enérxica repulsa diante da agresión perpetrada contra o despacho do avogado que ocupa a secretaría da Fundación Galega contra a Impunidade, unha das entidades que promoven a querela en Arxentina para investigar e xulgar os crimes do franquismo. Asemade, o Bloque reclama que se actúe para perseguir aos autores do atentado, polo que rexistrou unha pregunta no Parlamento galego para que o goberno explique que medidas tomará diante desta agresión.

“Desde o BNG valoramos estes feitos como moi graves e reclamamos que desde todas as instancias se actúe para perseguir aos autores deste acto e non se mire cara outro lado”, subliña a proposta nacionalista presentada esta mañá pola deputada Ana Pontón en nome do BNG.

Para o Bloque trátase dunha agresión fascista que persegue amedrentar a quen reclaman xustiza e dignidade para as vítimas do franquismo, así como rematar coa vergoña da impunidade existente no Estado Español. Nesta liña apunta que as persoas autoras dos feitos non só destrozaron mobiliario, senón tamén cadros e fotografías que lembraban aos represaliados polo franquismo e pintaron esvásticas e lemas como 'Tortural al rojo' e 'Viva el fascio'.

Dereito á verdade e á xustiza

Precisamente en apoio á causa contra o franquismo que a xuíza María Servini está levando a cabo en Arxentina, o BNG presenta mocións nos concellos galegos nas que se defenden o dereito a coñecer a verdade e o dereito á xustiza efectiva para superar o actual estado de impunidade dos responsábeis dos crimes cometidos.

O Bloque reclama asemade o dereito a unha reparación digna e non discriminatoria para centenares de miles de vítimas do franquismo, así como solicitar do goberno do Estado español que cumpra a recomendación da Comisión de Dereitos Humanos da ONU e derrogue a Lei de amnistía de 1977 para poder xulgar os crimes do franquismo en España.

 

O BNG condena o atentado no despacho do avogado que defende a querela contra o franquismo