Xabier P. Igrexas: “A semana da mobilidade non pode ser un brinde ao sol, hai que mellorar e potenciar o bus urbano”

xabier

O concelleiro do BNG de Vigo urxe unha remodelación integral do servizo de autobús urbano, con mellores frecuencias, un novo mapa de liñas que conecte mellor os barrios e parroquias e abaratando custes.

A fronte nacionalista aposta por “revolucionar a mobilidade para transformar a cidade”, reducindo o uso de coche particular e creando as condicións para retomar o proceso de democratización do espazo público iniciado coas peonalizacións de Praza da Independencia ou o Calvario.

Xabier P. Igrexas: “A semana da mobilidade non pode ser un brinde ao sol, hai que mellorar e potenciar o bus urbano”

Co gallo do inicio da semana da mobilidade, o Bloque Nacionalista Galego vén de demandar do Goberno municipal que adopte medidas para potenciar o autobús. O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, esixiu que “a semana da mobilidade non sexa un brinde ao sol nin un apenas unha celebración simbólica”, e urxiu unha mellora substancial do servizo de bus urbano da cidade.

“Vigo ten un servizo de bus deficiente, con frecuencias insuficientes, cun mapa de liñas obsoleto que non conecta axeitadamente os nosos barrios e parroquias e cun billete caro”, valorou Igrexas. “O que ten que facer o Goberno local non é ofrecernos estes días algunhas viaxes gratuítas no bus turísticos, senón atender a demanda veciñal para dotar a Vigo dun servizo á altura dunha cidade de 300 mil habitantes”, reclamou.

O portavoz municipal nacionalista insistiu en que nunha cidade que xa superou os 200 mil vehículos censados e na que entran arredor de 90 mil coches doutras localidades, cómpre potenciar a utilización do bus para avanzar cara a unha mobilidade “moderna, eficiente e ambientalmente sustentábel”.

Para iso, desde o Bloque insisten en que non se pode seguir funcionando co “mesmo persoal e número de buses que en 1994” e propoñen unha remodelación integral que aumente as frecuencias, e un novo mapa de liñas que mellore a conexión dos barrios e con dotacións esenciais como o Hospital Álvaro Cunqueiro, o CUVI, a estación de tren, a terminal de bus ou o aeroporto.

A mellora do bus para o “converter nunha alternativa real ao coche” permitiría, en opinión das nacionalistas, crear as condicións para retomar o proceso de democratización do espazo público iniciado coas peonalizacións da praza da Independencia e O Calvario.

"Coa prórroga decidida polo Goberno de Caballero condenouse a Vigo a cinco anos máis dun servizo que non atende as necesidades da principal cidade de Galiza”, reiterou Igrexas, quen volveu apostar por estudar a remunicipalización do servizo.

Xabier P. Igrexas: “A semana da mobilidade non pode ser un brinde ao sol, hai que mellorar e potenciar o bus urbano”