O BNG renova a súa dirección local para relanzar a alternativa nacionalista en Vigo
_O novo Consello Local reduce a súa composición de 36 a 27 integrantes. As novas incorporacións representan un terzo do total. Serafín Otero foi elixido novo Responsábel Local.
_Non queremos ser unha oposición de rúa, queremos ser un goberno en construción desde a rúa, desde os barrios, coa xente proclamou Otero, apostando nunha intensa acción política en positivo e desde abaixo.
VIGO, 17 de marzo de 2016.- No marco do proceso post-asemblear da XV Asemblea Nacional, o BNG de Vigo realizou esta tarde unha asemblea local para renovar os organismos de dirección da fronte na cidade de Vigo. A única candidatura presentada foi elixida co apoio do 96,15% dos votos emitidos e ningún voto en contra. A nova dirección está encabezada por Serafín Otero como novo responsábel-portavoz local.
Coa intención de revitalizar a organización, reducindo a burocracia e apostando polo activismo, desta volta elimínase a figura da Executiva Local e decidiuse reducir a composición do Consello Local, de 36 a 27 integrantes, para gañar en operatividade e tamén para reforzar o papel das asembleas locais, nas que pode participar toda a afiliación e están abertas a simpatizantes, como espazo de debate e decisión.
O novo consello local encabezado por Serafín Otero é unha lista paritaria en xénero, distribuída de maneira intercalada, e atinxe unha renovación de case un terzo dos e das súas membras. A candidatura liderada por Otero incorpora ademais a persoas todos os partidos, colectivos e sensibilidades que están organizados no seo do BNG, nunha aposta pola integración para reforzar a pluralidade da fronte nacionalista. Dela salientan activistas do campo estudantil, veciñal, cultural, na defensa dos servizos públicos e do eido sindical e a presenza da deputada no Parlamento galego, Carme Adán, e da exdeputada no Congreso, Olaia Fernández Davila. Temos unha equipa renovada, na que hai novas incorporacións e tamén experiencia. Unha equipa solvente que será quen de lograr que o nacionalismo galego recupere un maior apoio popular, explicou o cabeza de lista.
Henrique Vieitez que decidiu voluntariamente non continuar como Responsábel Local, non fará parte do novo Consello Local, mais expresou a súa plena disposición a continuar traballando polo BNG. A asemblea local agradeceu o traballo desenvolvido por Vieitez e a dirección anterior, recoñecendo o seu enorme compromiso e dedicación. Seguiremos a contar contigo Henrique, como queremos contar con todos os homes e todas as mulleres que queren axudarnos a facer realidade o noso proxecto de cambio para Vigo e Galiza declarou o novo Responsábel Local.
Relanzar o nacionalismo
A nova dirección fíxase como principal obxectivo o relanzamento da alternativa nacionalista na cidade de Vigo. Nese sentido, asume como tarefa pilotar no ámbito local o proceso de refundación do BNG que a XV Asemblea Nacional decidiu impulsar.
Ese relanzamento materializarase na multiplicación dos contactos co tecido social e organizativo da cidade, tecendo inda maior complicidades cos movementos sociais e tomando parte activa nas principais loitas e conflitos sociais.
Ademais, o Bloque despregará de inmediato un ambicioso paquete de iniciativas políticas para dar resposta en todos os ámbitos ás principais necesidades e preocupacións da veciñanza de Vigo, tanto a nivel social como a través da súa representación institucional nos parlamentos galegos e europeu e na Deputación de Pontevedra. Alí onde estea presente o BNG vai haber unha voz firme en defensa da veciñanza de Vigo e do noso país, enfatizou Otero.
En positivo e desde abaixo
Serafín Otero xa anunciou que a súa intención é impulsar un traballo intenso de rúa, en contacto directo coa xente e cos movementos sociais, pateando os barrios e poñendo encima da mesa propostas concretas diante da inacción do Goberno municipal e o abandono da Xunta. Non queremos ser unha oposición de rúa, queremos ser un goberno en construción desde a rúa, desde abaixo, desde os barrios, coa xente explicou, expresando tamén a certeza de que moitos vigueses e moitas viguesas levan meses a botar en falta a presenza do BNG no Concello, notan a diferenza entre que o Bloque estea ou non.
O novo responsábel local explicou que toda a acción política do BNG na cidade quere enfocarse en chave positiva. Non nos imos limitar a contestar, nin a denunciar os erros e as eivas dos goberno municipal, da Xunta o do goberno español en relación a Vigo. A cidade non se cambia con queixas, senón propoñendo alternativas concretas e empurrándoas desde abaixo, co pobo explicou.
Nese sentido lamentou que os primeiros meses do novo goberno municipal teñan confirmado a súa incapacidade para dar resposta aos problemas reais e concretos da veciñanza. Seguimos cun transporte urbano de terceira división, son dúas veces máis os nenos e nenas que se quedan sen praza nas escolas infantís municipais que as que a conseguen, e vemos como non se poñen en marcha medidas urxentes e de reforzo para combater a violencia machista exemplificou, aludindo tamén ao evidente abandono do noso medio natural e a unha política de exterminio cultural.
RELACIÓN DE PERSOAS QUE INTEGRAN O CONSELLO LOCAL DO BNG DE VIGO
- Serafín Otero Responsábel Portavoz Local
- Cristina Hermida Vicereponsábel Local
- Félix Caride
- Belén García
- Xabier P. Igrexas
- Carme Adán
- Bernal Rúa
- Ana Belén Martínez
- Xésus L. Carreira
- Olaia Fdez. Davila
- Xerome Calero
- Begoña Portilla
- Xosé Manuel Atanes
- Maribel Tato
- Manuel Caride
- Ana Pérez
- Adrián R. Bravo
- Sandra Martínez
- Xoán Carlos Rodríguez
- Cristina Fojo
- Anxo Igrexas
- María Xosé Míguez
- Cristovo Vidal
- Xosefa Romero
- Eduardo Ruanova
- Amparo Alonso
[*] A esta relación sumarase a persoa designada por Galiza Nova, como representante da organización xuvenil do BNG.
[**] As responsabilidades organizativas e áreas de traballo serán asignadas polo novo Consello Local na súa primeira xuntanza, agás a Responsabilidade Local e Vice-responsabilidade xa elixidas estatutariamente pola asemblea.
Suplentes:
-Alexandre Louzao
-Lidia Fariña
-Diego Santorio
-Aurora Campos
-Xosé Sánchez
-Andrea Matilde Tato