Serafín Otero: Se o alcalde é imputado na operación Patos terá que demitir inmediatamente
_O BNG fai unha valoración moi negativa dos cen primeiros días de goberno que resumen en máis do mesmo e novas sospeitas de corrupción.
_A fronte nacionalista presentou a renovación dos seus organismos de dirección local para poñer a punto a organización.
Vigo, 23 de setembro de 2015.- O BNG realizou esta mañá a súa valoración dos cen primeiros días de goberno após os comicios do 24M. Fíxoo a través de Serafín Otero, que vén de ser designado responsábel de Política Institucional na Executiva Local do Bloque logo de encabezar a candidatura nacionalista nas pasadas eleccións. Otero resumiu este primeiro treito do mandato máis do mesmo e novas sospeitas de corrupción.
Nese sentido criticou a continuidade nas políticas de escaparate dos últimos anos, que deixan sen atender as necesidades da veciñanza. A continuidade non atinxe para o BNG só os contidos, senón tamén as maneiras, denunciando que se mantén o mesmo talante autoritario e excluínte dos últimos anos.
O dirixente nacionalista apelou directamente ao equipo de goberno de Abel Caballero para lles lembrar que a campaña rematou. Hai que poñerse a traballar pola cidade, urxiunos, facendo mención ás moitas necesidades que existen na cidade no ámbtio social, da sanidade, o transporte, a educación ou a cultura. Con 17 concelleiros sigue facendo o mesmo que con 11: nada de nada.
Logo de cualificar ao executivo socialista como un goberno incapaz na xestión e sen proxecto político, Otero criticou con dureza que Caballero priorice as súas obsesións personalistas por gañar protagonismo e peso interno no PSOE estatal e galego, en troca de se concentrar en atender os problemas da veciñanza. Mentres Caballero anda de viaxes a Madrid a veciñanza continúa sen un transporte urbano en condicións ao novo hospital. Mentres fai a súa particular xira metropolitana, Vigo sigue sen conexión interurbano e sen transporte metropolitano. Mentres presume das políticas sociais de Vigo, as persoas que as precisan continúan agardando que se resolva o cheque social, exemplificou.
Sospeitas de corrupción
A respecto das informacións que circulan arredor da operación Patos, Serafín Otero lamentou que a cidade teña un goberno baixo sospeita de corrupción. Nese sentido, insistiu na exixencia de que o propio alcalde responda e dea a cara, denunciando a falla de transparencia coa que o PSOE sigue a encarar esta cuestión.
O dirixente nacionalista considera que ao marxe das responsabilidades penais hai responsabilidades políticas que deben ser asumidas. O BNG considera que as persoas encausadas, a principiar polo xa imputado Ángel Rivas, deben abandonar o goberno da cidade. Unha exixencia de hixiene democrática que tamén defenden se debe aplicar no caso do rexedor se finalmente resultase encausado. Se o alcalde é imputado debe demitir inmediatamente defenden, lembrando ademais que no Concello de Vigo non se fai absolutamente nada sen o consentimento do alcalde.
Renovación e reforzo dos organismos
Durante a rolda de prensa foron presentados publicamente os resultados do proceso participativo iniciado no BNG da localidade logo das eleccións municipais. Segundo explicou o Responsábel local, o proceso caracterizouse por un debate rico e moita participación. Viéitez fixo fincapé no papel xogado polas asembleas abertas nas que o Bloque alenta a participación de persoas non afiliadas. Unha aposta que manterán.
As principais conclusións dese proceso de reflexión colectivo foron, en palabras de Viéitez, a necesidade de alargar a base social do nacionalismo e tamén a posta a punto da organización para enfrontar a nova etapa. Unha posta a punto da que a primeira medida adoptada foi a renovación dos organismos de dirección local. Desta maneira, ampliouse o Consello Local coa incorporación de dez novas persoas, maioritariamente activistas e referentes barriais. A Executiva Local tamén modificou a súa composición, coa entrada do ex-concelleiro Xésus López Carrera. Ademais definiuse unha recomposición das responsabilidades concretas no seo da Executiva. A este respecto o Responsábel Local salientou o importante papel que xogará Serafín Otero, quen logo de ser o cabeza de lista do Bloque pasadas eleccións municipais, asume agora a Responsabilidade de Política Institucional e exercerá como un dos referentes públicos da fronte.
Outros cambios son a designación de Xabier P. Igrexas como responsábel de Comunicación e Iniciativas Políticas, de Diego Santorio, como responsábel de Participación e Transparencia, de Raquel Vázquez, como responsábel de Emprego e promoción económica, de Belén García, como responsábel de Acción Social. Xésus López Carrera exercerá como responsábel de Cultura e lingua. Continúan na Executiva desempeñando as responsabilidades que xa viñan asumindo, Félix Caride, Responsábel de Organización, Cristina Ermida, Vice Responsábel Local, e Henrique Viéitez, como Responsábel Local.
Para a dirección do BNG todos os cambios van na liña de poñer a punto ao BNG para encarar esta nova etapa política e destacan que o proceso de renovación de organismos logrou que todas as sensibilidades existentes no Bloque estean presentes, reforzando deste xeito a unidade desde a pluralidade.