Adán di que a parálise da Plisan evidencia o fracaso da política de emprego e industria de Feijóo
Carme Adán e Patricia Mariño, candidatas 2 e 14 da lista do BNG pola provincia de Pontevedra, destacaron este venres o fracaso do goberno de Feijóo diante da falta de inciativas en materia de emprego e industria. Nun mitin que tivo lugar en Salvaterra, no que tamén participou o portavoz municipal Gabriel Martínez, as candidatas criticaron a parálise da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves.
Nestes tres anos e medio, o goberno de Feijóo mantivo paralizado este proxecto e dos empregos prometidos, lamentablemente, non hai ningún, subliñou Carme Adán na súa intervención. Segundo a candidata nacionalista esta é a nota predominante da Xunta gobernada polo PP e a isto precisamente queremos facer fronte, recalcou.
Carme Adán recordou asemade que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou a plena validez do convenio que recoñecía os dereitos mineiros dos expropiados da Plisan tramitado polo BNG no goberno bipartito. Unha vez máis o tempo danos a razón, asegurou.
Pola súa banda, Patricia Mariño criticou ao goberno local, ao que acusou de ser cómplice dos gobernos de Rajoy e Feijóo ao tentar aplicar recortes nos servizos públicos e levar a Salvaterra a ser un dos concellos con peor situación financiera e máis endebedados de Galiza.