O BNG defende a mellora da seguridade viaria de Mos fronte a parálise da Xunta
Carlos Aymerich e Carme Adán, cabeza de lista e número 2 da candidatura do BNG pola provincia de Pontevedra, respectivamente, defenderon a necesidade de acometer obras que melloren a seguridade viaria no municipio de Mos e as súas parroquias. Pola contra, destacaron as actuacións impulsadas cando o Bloque formou parte do goberno galego
Neste sentido, o candidato nacionalista salientou a política transformadora que levou a cabo o BNG dende o goberno da Xunta a respecto do desenvolvemento industrial e do ensino público, ao iniciar en Mos o polígono de Vegadaña e impulsar unha nova escola pública. Para o Bloque é indispensable impulsar os sectores produtivos e o servizos públicos en todas as localidades, a cidadanía ten que percibir nos pobos a mellora da súa calidade de vida, subliñou Aymerich.
Para Mos, o paso do BNG polo goberno galego foi un rotundo paso adiante, mentres que a parálise é o principal balance do goberno de Feijóo, asegurou ao respecto a candidata Carme Adán, quen lembrou a preocupación constante do Bloque por levar ao Parlamento galego as propostas para mellorar os servizos públicos de Mos. O noso traballo ten sido constante non só nas grandes cidades, senón en todas e cada unha das vilas de Galiza, manifestou.
Afondando nesta liña, o BNG local propón a construción e mellora de dous viais que vertebren as parroquias mosenses. Por unha banda, o portavoz municipal Miguel Aldea referiuse a construción da conexión da PO331 con Puxeiros, que serviría para vertebrar a parroquia de Cela. Ademais, salientou a necesidade de mellorar o vial de enlace da A55 que atravesa a parroquia de Pereiras. Consideramos que a Xunta debe asumir o custe total da obra e o seu mantemento, defendeu.