O Bloque demanda que o Xeral se destine a servizos sanitarios
_Presentarán iniciativas no Parlamento galego e Congreso para demandar un plan de usos para o Pirulí e a revitalización socioeconómica da contorna.
Vigo, 7 de outubro de 2015.- O BNG de Vigo expresou hoxe a súa enorme preocupación a respecto de que uso se lle vai dar ás instalacións da torre do recentemente fechado Hospital Xeral, e pola situación da súa contorna. Nunha rolda de prensa ofrecida esta mañá, na que compareceron as deputadas Carme Adán e Olaia Fdez. Davila canda o Responsábel de Política Institucional, Serafín Otero, a fronte nacionalista reclamou a Concello, Xunta e Goberno español que se coordinen para asignarlle usos ao Pirulí.
Serafín Otero criticou a inacción do Concello diante desta problemática. O Goberno municipal non demandou inda o compromiso da Xunta e do Goberno español, co agravante de que o feche estaba previsto no calendario, afirmou. Otero, deu conta de que representantes do BNG mantiveron contactos con comerciantes da contorna do antigo Hospital Xeral, nos que recolleron a difícil situación que atravesan. Hai máis de 200 postos de traballo en xogo alerta.
Esa circunstancia e as manifestas insuficiencias do novo Hospital Álvaro Cunqueiro, levan ao BNG a defender que no Pirulí se continúen a ofrecer servizos de tipo sanitario e socio-sanitario. Desta maneira pulan por aproveitar unhas instalacións xa existentes para paliar algúns dos défices rexistrados na atención sanitaria do CHUVI, como é o caso do significativo recorte das chamadas camas socio-sanitarias.
Comisión de traballo
Para determinar exactamente que usos, a fronte nacionalista propón que se constitúa unha Comisión de traballo, na que participen conxuntamente Concello, Xunta, INSS (que é a titular do edificio), así como representantes da veciñanza, das comerciantes e do Colexio de Arquitectos.
Estas propostas serán trasladadas ao Parlamento de Galiza e ao Congreso dos Deputados, a través de iniciativas presentadas polas deputadas Carme Adán e Olaia Fernández Davila, respectivamente. Con elas, pretenden abrir o debate a respecto de que facer co Pirulí unha vez fechado o Xeral e abordar a situación que ese peche provocou en toda a súa contorna.