O BNG crea un espazo cidadán na Rede para denunciar as deficiencias do novo hospital
_Levarán as queixas da veciñanza ao Parlamento de Galiza. Poderán remitirse a través de whatsapp, correo electrónico e redes sociais.
Vigo, 1 de outubro de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego vén de poñer en marcha un espazo de denuncia cidadá para recoller todas as deficiencias que se rexistran no Hospital Álvaro Cunqueiro. O sitio web www.denunciahospitalvigo.com foi presentado esta mañá en rolda de prensa polo Responsábel de Acción Institucional do BNG de Vigo, Serafín Otero, e a deputada nacionalista no Parlamento galego, Carme Adán.
Este espazo na Rede ten a vocación de ser unha canle de expresión da veciñanza, segundo explicou Otero. Desta maneira, calquera persoa poderá facer chegar a súa denuncia, en texto, fotografía ou vídeo, sobre deficiencias rexistradas no HAC. Habilitan para iso varios medios de contacto, como son as aplicacións de mensaxería móbil o Whatsapp ou o Telegram, o correo electrónico, ou as redes sociais Facebook, Twitter e Instagram. Queremos que a xente conte a súa experiencia, como padecen en primeira persoa as eivas do hospital para que se coñeza publicamente.
O compromiso do BNG é non só darlle difusión a todo ese fluxo de denuncias senón dar traslado do mesmo ao Parlamento de Galiza, para desta maneira visibilizar o enorme descontento social que produce un hospital privado, con menos servizos e dotacións das previstas e con graves problemas de funcionamento, segundo afirmou Adán.
Entendemos que o novo hospital é unha prioridade. Falamos da sanidade, da saúde das persoas. Falamos de millóns de euros de canon anual a unha empresa privada explicou a deputada nacionalista expresando a vontade do Bloque de continuar a denunciar esta problemática todos os días. A Xunta pode estar xorda, pero nos non imos parar na defensa dun hospital público para Vigo, e se non escoitan haberá que botar ao PP do goberno, acrecentou.