O BNG anima á cidadanía da área sanitaria a participar na manifestación do vindeiro 13 de febreiro

O BNG anima á cidadanía da área sanitaria a participar na manifestación do vindeiro 13 de febreiro

Para o Bloque cómpre que a mobilización sexa contundente no obxectivo de frear os ataques de Feijóo á sanidade pública

Vigo, 3 de febreiro de 2014.- O BNG quere trasladar a opinión pública o seu apoio á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Vigo para o vindeiro xoves 13. Dita manifestación convócase contra o desmantelamento da sanidade pública na área de Vigo. Desde o BNG, como parte integrante da plataforma SOS Sanidade Pública, estamos a traballar para que dita mobilización sexa todo un éxito e facemos nosas as demandas plantexadas desde a plataforma.

No BNG entendemos que é fundamental que, fronte ás agresións do goberno Feijoó á sanidade pública, a cidadanía se mobilice contundentemente para amosar o seu rexeitamento a estas políticas e contra os recortes no proxecto do novo hospital de Vigo.

Para o BNG, as decisións adoptadas polo goberno de Núñez Feijoó están encamiñadas a desmantelar a sanidade pública galega mediante a aplicación sistemática de políticas de recortes, copagamentos e privatización de servizos.

Neste sentido, a decisión unilateral da Consellaría de Sanidade de proceder á modificación do mapa sanitario a través dunha reordenación das áreas de referencia, non atende ás necesidades reais da cidadanía, senón que baixo supostos criterios “técnicos” dáse reposta a intereses privados con graves consecuencias para a poboación da Área Sanitaria de Vigo.

Con esta decisión a Xunta de Galiza dá un paso máis na súa política privatizadora diminuíndo severamente os recursos orzamentarios, profesionais e tecnolóxicos da sanidade pública da área de Vigo. Deste xeito, con esta nova reasignación de pacientes estase a provocar unha perda na calidade asistencial pola merma de recursos resultado da perda de poboación sanitaria froito da mesma.

Demanda de máis recursos

No BNG pensamos que o único xeito de rematar coas listas de espera é apostar por dotar dos recursos necesarios á sanidade pública da nosa área sanitaria o cal implica que a Xunta debe dar un xiro radical nas políticas sanitarias que está a aplicar.

Logo, desde o BNG esixímoslle ao Goberno galego que non aplique a nova reordenación de referencias poboacionais nas derivacións de pacientes derivada da instrución 7/2013. Tamén esiximos que inicie un proceso de debate e diálogo, coa participación de todos os axentes implicados, profesionais, doentes, representantes sindicais e políticos, en aras de que a determinación do mapa sanitario de Galiza sexa froito do consenso e non da imposición.

Por último, instamos ao xerente da Área de Vigo a reclamar recursos para os seus servizos de cara a incrementar a eficiencia, e a esixir que o novo hospital de Vigo teña a dotación necesaria para dar unha resposta satisfactoria que manteña a Área Sanitaria de Vigo como área punteira de referencia para as provincias de Pontevedra e Ourense naquelas especialidades que, por criterios científicos e asistenciais, non poidan ser atendidas nas súas áreas respectivas.

 

O BNG anima á cidadanía da área sanitaria a participar na manifestación do vindeiro 13 de febreiro