Davila pide explicacións a Interior pola desproporcionada carga policial contra estudantes en Vigo
A portavoz do BNG pide ao Ministerio que abra unha investigación e critica que se fagan cargas policiais contra menores de idade
Olaia Fernández Davila, presentou hoxe no rexistro do Congreso unha pregunta parlamentar dirixida ao Ministerio de Interior para pedirlle explicacións pola brutal e desproporcionada carga policial contra estudantes que o mércores, 20 de novembro, se manifestaban en Vigo contra a LOMCE.
Davila pón de manifesto que os manifestantes, moitos deles menores de idade, foron obxecto dunha brutal carga policial xa que a policía disparou incluso pelotas de goma. Moitos proxenitores denunciaron que os seus fillos menores de idade recibiron porrazos por parte dos antidisturbios cando facían unha pacífica sentada.
Ademáis, subliña a deputada do BNG, os servizos médicos de ambulatorios de Vigo tiveron que atender a varios mozos feridos. Moitos transeúnte que se atopaban perto describen a carga policial como exaxerada, violenta e totalmente abusiva.
O Goberno resposta á voz crítica con represión e reacción
A portavoz do BNG critica a actitude de Interior porque son moitas as veces que nos tivemos que dirixir ao Ministerio polas desmesuradas cargas policiais en manifestacións e concentracións contra persoas que exercen o seu dereito constitucional a manifestarse en contra de leis anti sociais, contra estafas bancarias, contra recortes laborais, despedimentos ou leis educativas que soliviantan a toda a comunidade educativa.
Davila insta ao Ministro de Interior a reflexionar sobre este xeito de proceder que vulnera dereitos fundamentais da cidadanía. Sen esquecer que neste caso concreto se está a empregar unha dura agresividade contra menores de idade. E engade que é impropio dun estado democrático respostar á lexítima protesta cidadana con represión, reacción e violencia. Ou con leis como a anunciada de seguranza cidadana que atentan contra principios e liberdades fundamentais.
A deputada do BNG pide a Interior unha investigación sobre estes feitos e quer saber cal foi o número de efectivos policiais que o Ministerio despregou ese día, e cal foi o seu custe.
É normal que os efectivos policiais utilicen pelotas de goma, porras e outros instrumentos para cargar contra menores e estudantes?