O BNG convida á cidadanía a participar na manifestación do vindeiro sábado contra os desafiuzamentos
O Bloque Nacionalista Galego quere expresar o seu apoio á mobilización que terá lugar o vindeiro sábado, 16 de febreiro ás 18 horas desde o museo Marco, convocada pola Plataforma de afectados e afectadas polas Hipotecas. Para a formación nacionalista cómpre esixir a paralización dos desafiuzamentos e que se establezan a dación en pago retroactiva e o alugueiro social.
É preciso frear o drama humano que están provocando os desafiuzamentos, subliña a responsable comarcal do BNG, Manuela R. Pumar. Ao seu xuízo, este obxectivo só será posible cunha forte presión social que obrigue ao PP a modificar a lei.
O BNG comparte as demandas da Plataforma de afectados e afectadas polas hipotecas, tal e como o ten demostrado nas iniciativas presentadas nas distintas institucións nas que ten representación e apoiando asemade a ILP da dación en pago promovida por múltiples colectivos sociais.
Segundo destaca o Bloque, a mobilización social é un elemento indispensable fronte aos abusos das entidades financeiras. Tal e como salienta a deputada nacionalista no Parlamento estatal Olaia Fernández Davila, podemos dicir que a pesar da súa maioría absoluta, a presión social e política funciona: o PP acepta admitir a trámite a ILP.