O BNG participa mañá no acto conmemorativo polo asasinato en 1936 dos alcaldes de Vigo e Lavadores
O Bloque Nacionalista Galego participará, xunto con outras formacións políticas, no acto que mañá pola tarde terá lugar no cemiterio de Pereiró para conmemorar o fusilamento do alcalde de Vigo, Emilio Martínez Garrido, e o alcalde de Lavadores, José Antela Conde, así como outras figuras senlleiras da cidade, o 27 de agosto de 1936.
Os alcaldes de Vigo e Lavadores foron asasinados pola súa ideoloxía, por poñerse ao servizo dos cidadáns e por levar a cabo unha política de defensa da maioría social, subliñou o concelleiro do Bloque, Xabier Alonso, en referencia ás palabras pronunciadas polo alcalde de Baralla sobre os crímenes franquistas.
Cruz do Castro
Xabier Alonso tamén salientou que o BNG non participará no acto institucional previsto para mañá ás 12 horas como protesta polo incumprimento do alcalde de Vigo das continuas reclamacións da Asociación pola Memoria Histórica de derrubar a cruz dos caídos, no Castro.
Consideramos incoherente que o alcalde convoque un acto institucional en homenaxe aos represaliados polo franquismo e que pola contra non acceda á demolición dun dos símbolos franquistas que quedan na cidade, que daría cumprimento á Lei da Memoria Histórica, explicou o concelleiro nacionalista.