É necesaria a inmediata demisión de todos os cargos públicos de Concello e Xunta imputados
_A fronte nacionalista reitera que é un imperativo de hixiene democrática a asunción de responsabilidades políticas.
Vigo, 25 de setembro de 2015.- Após darse a coñecer publicamente a decisión do xulgado de instrucción número 7 de imputar, entre outros encausados, aos concelleiros David Regades, Ángel Rivas, Isaura Abelairas así como o alcalde da cidade, Abel Caballero, e a delegada da Xunta, María José Bravo Bosch, o BNG de Vigo exixe a inmediata demisión de todos os cargos públicos do Concello e Xunta imputados na operación Patos.
O Responsábel de Acción Institucional do Bloque na cidade olívica lamentou que máis unha vez a cidade vese empañada polas sospeitas de corrupción que asedian ao Goberno do PSOE. Nese senso, Serafín Otero, lembrou o encausamento anterior de Ángel Rivas no chamado caso Formigón. Unha causa de características semellantes á Operación Patos.
Otero reclama que se asuman as responsabilidades políticas e que por hixiene democrática todas as persoas imputadas presenten a súa demisión, para non seguir mantendo baixo sospeita ao concello de Vigo nin a ningunha administración pública nin un día máis.
Para o Bloque a imputación de Caballero reviste unha especial gravidade e xa non pode seguir ocultándose. É a primeira vez na democracia que un alcalde da cidade de Vigo é imputado por corrupción denuncian, sinalando que o rexedor é o máximo responsábel político do Goberno, máxime sabendo que exerce un férreo control sobre a actuación do resto dos membros do goberno municipal.
A súa vez, cualifican de escandalosa a cantidade de cargos públicos do Partido Popular que veñen de ser imputados, con responsábeis de máximo nivel como Rafael Louzán, José Manuel Figueroa ou María José Bravo Bosch. Feito que para as nacionalistas confirma o alcance estrutural que a corrupción ten no Partido Popular.
Xunta
A petición de demisión non se cinguen ao ámbito municipal. O Bloque entende que é obrigada a demisión de María José Bravo Bosch, como delegada territorial da Xunta na cidade. No caso de non se producir a súa renuncia, anuncian que a deputada nacionalista Carme Adán promoverá unha iniciativa no Parlamento galego para exixir ao Presidente da Xunta o cesamento de Bosch.
Transparencia
Para as nacionalistas estes casos de corrupción que teñen no epicentro a contratación pública son unha demostración de que as privatizacións xeran corrupción. É por iso que Serafín Otero demanda que o Concello adopte todas as medidas para transparentar completamente os procesos de contratación municipal e defende que o retorno a xestión pública dos servizos privatizados para que deixen de ser obxecto de negocio privado e intereses escuros.