Carme Adán defende en Moaña o rescate do novo hospital de Vigo fronte as mentiras da Xunta
A número 2 da lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme Adán, defendeu este mércores nun debate sobre sanidade celebrado en Moaña a necesidade do rescate inminente do novo hospital que se está construíndo en Vigo. A nacionalista asegurou que, ante as confirmacións dos problemas de financiamento desta infraestrutura, esta é unha das iniciativas que conforman as propostas do BNG en materia sanitaria.
Pese a confirmarse estas dificultades, o PP galego, sigue mentindo, subliñou a nacionalista en referencia as declaracións da delegada da Xunta en Vigo, que asegurou descoñecer calquera tipo de recortes neste hospital. A redución do hospital a respecto do proxecto orixinal está confirmado, igual que os problemas de financiamento, denuncia a candidata.
Para Carme Adán, os incumprimentos de Feijóo no eido sanitario en Vigo e a súa área de influencia son especialmente graves, tendo en contan que afectan a unha área sanitaria que abrangue a máis de 600.000 persoas coa maior lista de agarda de toda Galiza. Pero segundo a nacionalista, esta falta de cumprimento a respecto do Morrazo no só afecta aos posibles pacientes desta nova infraestrutura hospitalaria, que segundo lembrou será notablemente máis caro co financiamento público-privado polo que optou o PP.
A Xunta comprometeuse a facer un centro de alta resolución en Moaña, que non se fixo. Por que?, demandou a candidata do BNG. Ao seu xuízo, Feijóo non só non é capaz de cumprir os seus compromisos, senón que tamén oculta o nefasto balance da súa xestión, asegurou.