O BNG defende que a solución da estafa das preferentes pasa pola devolución íntegra dos cartos
O portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, participará mañá na concentración convocada diante da sede de Novagalicia Banco
O Bloque Nacionalista Galego quere trasladar novamente o seu total apoio ás mobilizacións convocadas polos afectados polas preferentes e subordinadas e que a única solución a este problema é a devolución íntegra dos cartos. Como mostra deste respaldo, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participará na concentración que mañá ás 18 horas se celebrará diante da sede central de Novagalicia Banco.
O BNG lembra que a maioría das persoas estafadas polas entidades bancarias a través de produtos lixo como as participacións preferentes e obrigas subordinadas eran pequenos aforradores. Os nacionalistas critican que estes pequenos aforradores acabaron vendo como o diñeiro froito do seu traballo se vía inicialmente inmobilizado por esas entidades bancarias, en Galiza fundamentalmente as antigas caixas de aforro.
Para o Bloque, esta estafa produciuse coa anuencia dos diferentes gobernos de Madrid, que ampararon e consentiron estas prácticas bancarias sen dúbida fraudulentas, segundo destaca o responsable comarcal do Bloque, Manuel Caride.
Quita inxusta
A día de hoxe, lonxe de solucionarse esta problemática, agravouse aínda máis por mor da decisión do goberno de Mariano Rajoy de proceder a unha quita totalmente inxusta sobre os aforros, sinala o responsable nacionalista, quen considera que a única solución posible para as persoas estafadas é unha solución política e que ten que rematar coa devolución íntegra do seu diñeiro.
Manuel Caride criticou que, pola contra, o PP impide esta solución ao votar a favor dunha quita que oficializou o roubo dos aforros. Avanzou que na concentración convocada polas plataformas de afectados e afectadas polas preferentes e subordinadas ademais do portavoz nacional do BNG, participarán diversos cargos orgánicos e institucionais da formación.