O Bloque rexeita o novo regulamento orgánico do pleno por antidemocrático
_A fronte nacionalista formulará alegacións ao texto aprobado polo pleno só cos votos do PSOE.
_ Este regulamento é a última demostración de que ao Alcalde sóbralle a cidadanía e moléstalle que a xente se exprese denuncia Serafín Otero.
VIGO, 13 de abril de 2016.- O BNG de Vigo rexeita o regulamento orgánico do pleno, aprobado inicialmente o pasado 30 de marzo e que no día de onte foi publicado no Boletín Oficial da Provincia, abríndose o período de alegacións ao mesmo. Para a fronte nacionalista os cambios introducidos teñen un claro carácter antidemocrático, ao laminar a xa escasa participación cidadá na administración municipal e limitar ao extremo a capacidade de control e fiscalización da acción de Goberno.
Este regulamento é a última demostración de que ao Alcalde sóbralle a cidadanía e moléstalle que a xente se exprese denuncia o responsábel local do BNG, Serafín Otero. Otero xulga que a blindaxe do pleno nunha corporación na que o grupo de goberno xa conta con maioría absoluta pretende instaurar unha especie de nova ditadura romana na que Caballero conte con plenos poderes sen dar conta a ninguén, e sen permitir actos de protesta pacíficos e simbólicos como portar un cartel. Con este regulamento o Alcalde só quere no salón de plenos a palmeiros do seu partido. É a súa particular versión da Lei Mordaza do PP, criticou.
Alegacións
A fronte nacionalista comezou os traballos para a elaboración de alegacións contra o texto aprobado en solitario polo PSOE. As mesmas estarán orientadas non só a reverter os últimos cambios senón a aprofundar e alargar o nivel de participación cidadá e de control democrático. Durante o proceso de elaboración manterán contacto con organizacións e colectivos sociais.