O BNG pide o realoxamento das familias afectadas polas expropiacións da cidade da xustiza
_Solicitan a inmediata intervención do Goberno municipal para resolver a falla de vivendas alternativas e o risco de exclusión.
_Demandan que se amplíe o prazo para abandonar as casas afectadas entrementres non avanza a execución do proxecto.
Vigo, 23 de outubro de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego reclama a intervención urxente dos servizos de urbanismo e servizos sociais do Concello, para atallar de xeito inmediato o problema vital de reubicación das familias afectadas no expediente de expropiación dos terreos para a cidade da xustiza. Alertan de que hai persoas que poden ficar na exclusión social por non teren recursos suficientes e ser dunha idade moi avanzada.
A fronte nacionalista xulga incomprensíbel a actuación do Goberno municipal con tanta urxencia cando estiveron, até agora, dilatando os trámites e actuando con nula información, tanto a cidadanía como ás persoas afectadas, e agora pretenden dar unha semana de prazo para abandonar as vivendas. Esta actuación absurda e impropia de quen di ter sensibilidade social colida, en opinión das nacionalistas, cun dereito elemental como é o de dar un prazo de tempo prudencial para poder resolver a cuestión básica e vital de conseguir unha vivenda alternativa. Algo que é polo momento inviábel por non poder dispoñeren duns mínimos recursos económicos.
Ampliar prazo
O BNG de Vigo considera que a actuación obedece máis a unha razón electoralista que a unha necesidade forzosa. Compartido a necesidade da construción da cidade da xustiza e a súa urxencia, descoñecemos se existe o proxecto de execución e, sobre todo, non se ten iniciado o proceso de licitación das obras, algo que pode consumir varios meses e que, a vista dos orzamentos da Xunta, non vai recibir un grande impulso para o ano que vén explican. Por iso defenden que até que este tempo transcorra debe ampliarse o prazo do que dispoñen as familias afectadas, para que estas teñan a posibilidade de resolver o problema da vivenda.
Aliás, anuncian que promoverán iniciativas no Parlamento galego para procurar tamén a implicación da Xunta de Galiza para lograr unha resolución satisfactoria para todos e todas.