O BNG reclama ao Concello que garanta a subrogación do persoal dos aparcadoiros
_Denuncian a incapacidade na xestión do Goberno municipal e apostan pola remunicipalización do servizo.
Vigo, 26 de novembro de 2015.- O BNG de Vigo reclámalle ao Goberno municipal que aplique o acordo plenario, vixente desde 1996, e garanta a subrogación de todo o persoal dos aparcamentos soterrados de Porta do Sol e Praza de Portugal, fechados desde o pasado 1 de outubro.
"O persoal dos aparcadoiros contan co apoio do Bloque, o que é lamentábel é que o Goberno de Caballero continúe do lado do empresariado e das concesionarias privadas" sostén Serafín Otero, responsábel de Política institucional do BNG.
Incapacidade na xestión
Para Otero, o fechamento de ambos os dous estacionamentos supón graves prexuízos, tanto ao persoal que neles traballaba como á veciñanza en xeral. Na súa opinión, o feito de que non estea prevista a reapertura até pasado o verán de 2016 pon de manifesto a incapacidade na xestión do Goberno local. "Sabése desde este verán que a concesión remataba e o Concello non preparou ningunha alternativa a botar o feche", denuncia.
A fronte nacionalista acredita en que a fin da anterior concesión debía ser aproveitada para reconsiderar ese modelo privatizador, e avanzar cara a súa remunicipalización coa creación dunha empresa municipal. "O aparcamento nesta cidade é unha necesidade pública que non debera destinarse a negocio privado", defenden.