O Bloque emenda 7 millóns para darlle un xiro social aos orzamentos municipais
_Após a anulación do PXOM reclama a Xunta e Concello que procuren unha solución áxil para que Vigo poida contar cun planeamento urbanístico legal canto antes.
Vigo, 4 de decembro de 2015.- Esta mañá o Responsábel de Política Institucional do BNG de Vigo, Serafín Otero, presentou en rolda de prensa as emendas que a fronte nacionalista presentou dentro do período de alegacións aos orzamentos municipais para o próximo exercicio 2016. O Bloque propón 49 emendas que atinxen 6.921.000 co pretenso de darlle un xiro social as contas municipais.
Os orzamentos elaborados polo Goberno municipal do PSOE insisten nunha política municipal deseñada de costas aos problemas e necesidades sociais da veciñanza criticou o dirixente nacionalista. Para Otero estamos diante dunhas contas continuistas que insisten en concentrar o investimento en pavimentar rúas, en lugar de reforzar e aumentar os servizos públicos que se prestan desde o Concello.
Política social e emprego
A través de 24 emendas nas que se propoñen aumentos de partidas ou a creación de novas, a fronte nacionalista aposta por dotar de máis medios as políticas sociais, de emprego, de igualdade, a cultura, a normalización lingüística ou o medio ambiente. Para liberar os recursos necesarios e asegurar o equilibrio económico-financeiro das contas municipais, meten a tesoira para reducir gasto superfluo de escasa ou nula utilidade social. Desta maneira, propoñen entre outras a redución ou supresión de partidas destinadas a propaganda, as subvencións a aeroliñas privadas ou ao funcionamento dos órganos de goberno.
Entre as emendas salientan as propostas de estabelecer un bono bus gratuíto para persoas desempregadas, elaborar un estudo para remunicipalizar servizos ou poñer en marcha a construción de tres novas escolas infantís. Defenden tamén que se duplique o orzamento do Plan Municipal de Emprego até os 3 millóns de euros, poñer en marcha un plano de choque contra o desemprego xuvenil e feminino e aumentar substancialmente as partidas destinadas ás axudas de emerxencia, cheque social e becas de libros e comedor.
O BNG sempre defendemos que a procura da igualdade efectiva entre mulleres e homes exixe de menos declaracións e de máis decisións, de menos anuncios e máis feitos defendeu Otero para xustificar varias emendas destinadas a dotar de máis medios a Concellaría de Igualdade. As nacionalistas propoñen aumentar en 237.000 a partida para campañas contra violencia machista, logo de que no que vai de ano xa foran asasinadas 3 mulleres. Demandan tamén máis recursos para o Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades, a construción dun novo centro de información e atención ás mulleres no barrio de Coia. Como principal novidade está destinar 900.000 para a elaboración e posta en marcha dun Plan Municipal de Apoio aos Coidados para axudarmos a que os coidados (atención á infancia, de persoas dependentes ou maiores...) deixen de ser unha tarefa asumida sen remuneración fundamentalmente polas mulleres.
A cultura e a promoción do galego son outro dos ámbitos que preocupan ao BNG. Por iso inclúen emendas para dinamizar a rede museística da cidade e que deixe de ser contedor baleiro, ao que propoñen destinar 400.000 máis repartidos en varias partidas. Aliás, piden que se dediquen 222.000 a campañas de promoción do galego e que se inicien os traballos para construír dúas novas bibliotecas municipais en Teis e Navia.
Por derradeiro, propoñen que se aumente a partida destinada á recuperación de zonas verdes e ao mantemento das pistas de atletismo. Se o Pleno acepta estas emendas desde logo os orzamentos municipais para o vindeiro ano serán máis sociais, máis comprometidos co emprego e coa igualdade de xénero, máis culturais e en reasumo, máis útis para atender as necesidades da veciñanza, resumiu Otero.
Sobre o PXOM
O BNG tamén valorou a recente sentenza do Tribunal Supremo que anula o vixente Plan Xeral de Ordenamento Municipal. Para Serafín Otero a ausencia de planeamento xera unha situación de grave inseguridade xurídica, e a imposibilidade de que se resolvan novas licenzas supón unha ameaza para o emprego no sector da construción polo que pode conlevar de ralentización da obra pública e privada.
Por iso, as nacionalistas urxen a Xunta e Concello a procuraren as fórmulas e mecanismos legais que permitan a legalización dun planeamento urbanístico coa maior celeridade. Nese sentido, desde o Bloque, apunta como saída provisoria o previsto no artigo 96 da LOUGA, na que Consello da Xunta tería que suspender a ordenación do PXOU do 93 e proporcionando unha ordenación provisoria ao Concello de Vigo, rescatando gran parte da ordenación contida no PXOM de 2008 que xudicialmente foi anulado, sen prexuízo, claro está, de someter a devandita ordenación provisoria ao preceptivo trámite de avaliación ambiental estratéxica.
Malia considerar que as liñas xerais sobre as que se deseñou o PXOM continúan plenamente vixentes e permiten avanzar cara un modelo urbano racional, social e sustentábel, Serafín Otero asegurou que o BNG apoiará que se realicen modificacións parciais para adecuar o planeamento a nova realidade socioeconómica e para aumentar o nivel de protección ambiental, así como para corrixir aqueles ámbitos puntuais nos que a nivel veciñal se considere necesario
RELACIÓN DE EMENDAS PRESENTADAS AOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS (DE AUMENTO OU NOVA CREACIÓN)
- Elaboración dun estudo e avaliación para o rescate público das concesións dos servizos de abastecemento de auga e transporte urbano colectivo (50.000)
- A reapertura do programa de dinamización xuvenil Súbete ó Castro (85.000)
- A elaboración de proxectos de construción de novas escolas infantís en Coia, Balaídos e O Calvario (75.000).
- E a implementación dun bonobus gratuíto para persoas desempregadas (500.000).
- Duplicar o orzamento do Plan de emprego municipal, de 1.500.000 até os 3 millóns de euros.
- A posta en marcha dun plan de choque contra o desemprego xuvenil e feminino (900.000).
- Aumentar en 80.000 o orzamento dedicado a axuda médico-farmaceútica.
- Aumentar en 300.000 as axudas de emerxencia.
- Aumentar en 860.000 o chamado cheque social, elevando a súa partida até os 2.500.000.
- Aumentar en 300.000 as becas para libros e comedor, até o 1.500.000
- Aumentar de 13.000 a 250.000 a partida destinada a desenvolver campañas contra a violencia de xénero.
- Aumentar en 325.000 a partida do Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades.
- Elaborar o proxecto de construción dun centro de información ás mulleres no barrio de Coia (25.000), para ampliar e descentralizar a atención ás mulleres.
- E dedicar 900.000 para elaborar e poñer en marcha un Plan Municipal de Apoio aos Coidados.
- Aumentar as partidas de promoción de actividades museísticas, programa de actividades dos museos, programa de exposicións, novos proxectos da rede museística, plan de dinamización e recuperación do Arquivo Pacheco e funcionamento da Pinacoteca, que en total suman 400.000.
- Aumentar en 222.000 a partida dedicada a programas de dinamización para a normalización lingüística.
- Elaborar o proxecto de construción dunha biblioteca municipal en Navia e Teis (50.000)
- Aumento en 100.000 da partida destinada á recuperación de zonas verdes.
- Aumentar até os 30.000 a partida destinada ao mantemento das pistas de atletismo.
_DESCARGA Documento completo das emendas do BNG aos Orzamentos Municipais 2016