Maite Mouriño gaña o xuízo por despedimento da empresa Esycsa
_Foi cesada logo de se ter presentado na candidatura do BNG-Asembleas Abertas en Pazos de Borbén nas pasadas eleccións municipais.
Vigo, 21 de xaneiro de 2016- O pasado 18 de decembro de 2015 tivo lugar no xulgado do social nº 1 de Vigo o xuízo polo despido laboral da compañeira do BNG, Maite Mouriño Ricón.
O fallo da sentenza, que agora se coñece, declara improcedente dito despido condeando a empresa Equipos de Señalización y Control S.A. (ESYCSA) a optar pola readmisión da nosa compañeira ou a indemnizala polo despido inxustificado do que foi obxecto. Sendo coñecedores da intención da empresa de recurrir esta sentenza, este feito conlevará inevitábelmente a prolongación no tempo do proceso xudicial.
Lembremos que Maite Mouriño foi despedida do seu posto de traballo nesta empresa tras da súa participación nas eleccións municipais celebradas en maio de 2015, como candidata nº3 polo BNG-Asembleas Abertas no concello de Pazos de Borbén.
Desde o BNG entedemos que o fallo desta sentenza ven recoñecer o trato inxusto do que foi vítima a nosa compañeira. Neste sentido, dende o BNG seguiremos a denunciar calquera actuación que atente contra os máis elementais dereitos e liberdades democráticos, tanto individuais como colectivos.