O Bloque demanda que a Xunta actúe fronte a situación límite de desemprego en Vigo
_A fronte nacionalista presentará unha batería de iniciativas no Parlamento Galego, con medidas concretas para a automoción, o naval e o desemprego xuvenil.
Vigo, 5 de febreiro de 2016.- O Bloque Nacionalista Galego volveu denunciar esta mañá en rolda de prensa a inacción da Xunta de Galiza en relación á grave situación social e laboral da cidade. Na comparecencia, na que tomaron parte o Responsábel de Política Institucional do BNG de Vigo, Serafín Otero, e a deputada no Parlamento galego, Carme Adán, as nacionalistas anunciaron unha batería de iniciativas a nivel parlamentar con propostas concretas para enfrontar a situación límite de desemprego e precariedade que se vive en Vigo.
Paro insoportábel
Serafín Otero fixo unha avaliación moi negativa dos datos recollidos tanto na última Enquisa da Poboación Activa, referida ao derradeiro trimestre de 2015, como ás cifras do paro rexistrado do pasado mes de xaneiro.
Se ben a nivel interanual se rexistra un lixeiro descenso, no último mes destruíronse 1.031 postos de traballo, elevando o paro rexistrado até as 29.657, e totalizado 61.011 as persoas sen emprego non conxunto da área de influencia da cidade. Falamos de números, que sempre son fríos, mais detrás das cifras hai persoas, lembrou.
Ademais, Otero lembrou que estes datos son apenas variacións nun cadro que se mantén desde practicamente o inicio da crise. Levamos con este nivel de paro de arredor de 30 mil persoas sen emprego en Vigo practicamente 8 anos, asegurou, advertindo da importante destrución de emprego que confirma o descenso nas afiliacións á Seguranza Social. Non se está creando emprego, o único que se crea é precariedade, afirmou, facendo referencia aos efectos sociais que esta situación está a provocar en forma de empobrecemento e pobreza.
Para o dirixente nacionalista estas cifras refutan o discurso da recuperación, e puxo o foco na desertización industrial que se está a producir na cidade. Por iso defendeu a urxencia de poñer en marcha medidas que axuden a reactivar sectores tan importantes como a construción naval ou a automoción. Vigo depende da industria, temos que reactivala.
Con esa intención o BNG despregará no Parlamento de Galiza unha batería de iniciativas, con propostas concretas. Sabemos das potencialidades que ten Vigo a nivel industrial, o único que se necesita é que o Goberno galego actúe para axudar a poñelas en marcha defendeu Otero.
Iniciativas
A deputada Carme Adán, explicou o contido destas iniciativas que se concentrarán en evitar a deslocalización da actividade no sector da automoción, propoñendo que todas as axudas públicas estean condicionadas ao mantemento da actividade no noso país e a non precarización das condicións de traballo. Demandan tamén a posta en marcha inmediata do novo tax lease e que se artellen os mecanismos de financiamento precisos para reactivar o naval vigués.
Por último, fronte a enxurrada migratoria que se traduce na expulsión de milleiros de mozos e mozas cada ano por falla de oportunidades laborais, Adán proporá ao Goberno galego un Plano de emprego xuvenil. O mesmo estará centrado especificamente en actividades industriais ligadas á innovación, como o caso da biotecnoloxía, para aproveitar as potencialidades existentes neste sector e o traballo que desenvolve a Universidade de Vigo.