O BNG aposta nunha área metropolitana «útil para a veciñanza e con financiamento»
_A fronte nacionalista valora positivamente os avances no entendemento entre Xunta e Concellos e reitera a petición de consenso.
Vigo, 20 de xaneiro de 2016.- Logo da reunión mantida entre a Xunta de Galiza e os 14 concellos integrados na lei de Área metropolitana de Vigo, o Bloque Nacionalista Galego defende que a área sexa sobre todo unha realidade «útil para a veciñanza». Así o expuxeron nunha rolda de prensa realizada esta mañá e na que participaron a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos; o alcalde das neves, Xosé Rodríguez; o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; e os voceiros locais do BNG en Vigo, Serafín Otero; Nigrán, Xavier Rodríguez; Pazos de Borbén, Xurxo Pardo; Gondomar, Manuela Rodríguez e Baiona, Xosé Marcote. Os e as representantes locais, compareceron canda o Responsábel comarcal do BNG, Manuel Caride.
Para o BNG a constitución da Área Metropolitana de Vigo representa unha grande oportunidade histórica que se debe enfocar como un obxectivo político de primeira orde e que polo tanto, exixe actuar con responsabilidade sostivo Caride. O dirixente comarcal do Bloque valorou positivamente os avanzos rexistrados no entendemento entre Xunta e concellos para desbloquear a posta en marcha efectiva da Área. Porén, lembrou que todo o proceso previo estivo marcado polo «continuo cruce de acusacións entre a Xunta do PP e Abel Caballero», o que provocou unha situación de bloqueo.
As nacionalistas reivindican o retorno ao consenso, para o que coidan indispensábel a reforma da actual lei de Área Metropolitana de Vigo «na que as posicións de parte dean lugar a un entendemento que logre situar o seu desenvolvemento como obxectivo común de todas as forzas políticas e administracións implicadas».
Competencias e financiamento
O fundamental para o Bloque é que a área sexa «útil para a veciñanza». É por iso que xulgan prioritario que ademais de acordar as competencias metropolitanas, se calendarice a súa transferencia e o traspaso do financiamento para evitar cargar nos concellos «todo o peso do financiamento dos servizos metropolitanos», en alusión á Xunta, a administración central do Estado e a Deputación de Pontevedra.
Recoñecendo que a mobilidade é un dos principais reptos metropolitanos, a fronte nacionalista reclama un novo plan de transporte. Os concellos non tivemos ningunha capacidade para mellorar as liñas do actual plan. Todas as decisións viñeron impostas pola Xunta, explicou Leticia Santos, alcaldesa nacionalista de Moaña, quen lembrou que os concellos do Morrazo non tiñan inicialmente co Hospital Álvaro Cunqueiro. Demandan que o novo plan se elabore contando cos concellos e inclúa todas as modalidades transporte: por estrada, marítimo de ría e tren de proximidade.
Novas incorporacións
O BNG é partidario de que se facilite a incorporación a Área de todos os concellos que «teñan relación funcional con Vigo e así o soliciten». «A composición da Área Metropolitana debe estar en función da realidade socioeconómica e das necesidades dos concellos que teñen á cidade de Vigo como referencia, a través da existencia de vínculos económicos ou laborais e de prestación de servizos de todo tipo (educativos, sanitarios, sociais ou de lecer entre outros)», sosteñen.
A respecto do deseño da Área, o alcalde das Neves, Xosé Rodríguez entende que este debe ser asimétrico. A área debe ser útil e por iso non pode ser ríxida, explicou en referencia a que cada concello poida decidir participar ou non dos servizos metropolitanos, en función da súa realidade concreta.