O BNG propón rebaixar impostos e taxas municipais ás familias con menos ingresos
_Presentaron no Concello as súas propostas para as ordenanzas fiscais do vindeiro ano co obxectivo de avanzar cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta.
_As emendas nacionalistas inclúen novas bonificacións e exencións para as rendas máis baixas.
Vigo, 25 de setembro de 2015.- Esta mañá o Bloque Nacionalista Galego presentou, a través do rexistro municipal, as súas propostas de cara á confección das ordenanzas fiscais do vindeiro exercicio 2016. O Responsábel de Política Institucional, Serafín Otero, defendeu a necesidade de avanzarmos cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta.
As emendas que o BNG formula ás actuais ordenanzas en vigor teñen como obxectivo fundamental equilibrar o esforzo que a veciñanza ten que facer en impostos e taxas municipais. Desta maneira, o groso das propostas nacionalistas consiste en ampliar as bonificacións e exencións nas principais ordenanzas. Entendemos que neste contexto de emerxencia social e grave crise o xusto é que quen menos ten pague menos explicou Otero. Desde a fronte nacionalista defenden estas bonificacións e exencións permitirán tamén o acceso a servizos básicos como o transporte colectivo, escolas infantís, centros de día, IMD, ensinanzas deportivas ou o acceso a museos.
Entre as propostas inclúese a eliminación do pago de xuros no caso de aprazamento ou fraccionamento no abono das taxas e impostos. Propoñen tamén que todas as exencións e bonificacións, as xa previstas e as que se incorporen, teñan como referencia como mínimo o 50% do salario mínimo interprofesional (o 75% para as familias numerosas), o que suporá elevar o limiar económico permitindo que sexan máis as persoas que se beneficien destes descontos.
Vivenda
A vivenda é un dos ámbitos que merece maior atención para o BNG. Nese sentido, defenden que se fixe unha bonificación do 95% sobre o IBI ás vivendas destinadas a residencia habitual para unidades familiares da persoa titular con ingresos brutos anuais per cápita inferiores a 1.130,10. No caso de que os ingresos per cápita estivesen entre 1.130,10 e 2.260,20 a bonificación proposta polas nacionalistas será do 75%.
Ademais, propoñen que se aplique un recargo do 75% no IBI ás vivendas desocupadas que non sexan ofertadas en alugueiro nalgún plan ou programa público. Estas medidas permitirán facilitar o acceso social a un ben básico como é a vivenda penalizando a súa desocupación. Esta cidade non pode permitirse ter milleiros de vivendas baleiras mentres hai xente que non ten teito ou que está en risco de perder o que ten explican.
Outros cambios no IBI é bonificar nun 95% á Universidade de Vigo e tamén aos bens inmobles pertencentes a entidades sen ánimo de lucro e destinados a actividades de carácter social, recollendo unha histórica reivindicación dos colectivos sociais. O Bloque volve reclamar que a Igrexa Católica pague o IBI dos edificios que sendo da súa propiedade non estean exentos no acordo subscrito entre o Goberno español e a Santa Sede.
Dentro das medidas sociais incluídas nas emendas nacionalistas está a exención das taxas de centros de día, escolas infantís, ensinanzas especiais e IMD, para quen teña ingresos por baixo do 85% do salario mínimo interprofesional.
Bus gratuíto para persoas desempregadas
A fronte nacionalista, propón unha revisión das tarifas do autobús urbano. A ese respecto defenden a creación dun novo Bono Social II que sexa gratuíto para as persoas desempregadas de longa duración. Propoñen tamén a conxelación tanto do prezo do billete ordinario como de todos os bonos, suxerindo que se reduza nun céntimo o actual bono social para o equiparar ao bono universitario (0,65). En relación ás persoas pensionistas a proposta do BNG formula que se eleve o tope para ser beneficiarias do bono pensionista II ao 120% do SMI, por ser un importe que se aproxima máis á pensión media.
O Bloque volve reiterar a necesidade dun novo sistema tarifario do consumo da auga, en función do consumo real, que bonifique o aforro e penalice os grandes consumidores.
Apoio ao pequeno comercio
Outra das liñas incluídas na súa alternativa é axustar as taxas para apoiar ao pequeno comercio. Nesa dirección insírense as propostas de reducir a taxa do lixo nun 5% aos locais comerciais de menos de 50 m2 e reducir as taxas de licenza de actividade e instalación nun 10% para os locais de até 500 m2.
En troca, defenden que se aumente nun 10% a taxa de licenza para os locais de máis de 501 m2 e unha suba 5% no IAE, imposto que só pagan as empresas con máis dun millón de euros de facturación.
_DESCARGA: Propostas do BNG para as ordenanzas fiscais 2016 (PDF)