TRANSPORTE
O Bloque cualifica de “autobús pantasma” o anunciado H3 desde Teis ao Álvaro Cunqueiro
_A fronte nacionalista xulga “absolutamente insuficiente” que a nova liña só vaia facer dúas viaxes pola mañá dos días laborábeis.
_Para o responsábel local do Bloque, Serafín Otero, o anuncio de Caballero é “unha tomadura de pelo á veciñanza da cidade”.
O BNG cualificou de “absolutamente insuficiente” a liña H3 anunciada onte polo alcalde da cidade e que conectará o barrio de Teis co hospital Álvaro Cunqueiro. A mesma porase en marcha, presuntamente, dentro de quince días pero con apenas dúas viaxes por día. Serafín Otero volveu insistir nas propostas que a fronte nacionalista presentou o pasado mes de novembro e que suporían unha mellora substancial do servizo que agora se presta.
“Máis que unha liña directa estamos diante dun novo ‘autobús pantasma’, que din que existe pero que apenas aparece” criticou o responsábel local do BNG, Serafín Otero, que compareceu esta mañá en rolda de prensa. Otero, lembrou que se trata da segunda liña “pantasma”, aludindo á liña H que conecta Navia e que unicamente realiza unha viaxe de luns a venres ás 7:05h da mañá.
Críticas a Caballero
O Bloque xulga “absolutamente insuficiente” conectar un barrio tan populoso como Teis con apenas dúas frecuencias diarias en días laborábeis. “Alguén cre que con dúas viaxes pola mañá se resolve o problema polo que centos de veciños e veciñas levan meses a mobilizarse nun barrio tan populoso como Teis?” interrogouse Otero.
"Unha de dúas, ou súa incapacidade na xestión de Abel Caballero xa marcou un record guiness, ou o seu desprezo á intelixencia da xente é de marca olímpica”, Serafín Otero.
Ademais consideran a decisión unha “verdadeira tomadura de pelo á veciñanza da cidade” e critican con dureza ao alcalde ao goberno municipal, afirmando que “unha de dúas, ou a súa incapacidade na xestión xa marcou un record guiness, ou o seu desprezo á intelixencia da xente é de marca olímpica”.
Proposta
A fronte nacionalista reiterou a demanda que xa expresaron en xullo de 2015 de que se asegure unha conexión por transporte urbano “digna” para o conxunto da cidade. Nese sentido, volveron insistir nas propostas que presentaron o pasado mes de novembro e que foron elaboradas coa participación do movemento veciñal da cidade
A proposta nacionalista recolle basicamente seis medidas. A primeira consiste na creación de dúas novas liñas-lanzadeira, a de Teis pero tamén outra desde Navia-Coia. Demandan tamén a reformulación da liña H, para mellorar a conexión de Coia de abaixo, Bouzas e Rúa Coruña, con frecuencias equivalentes ás das demais liñas. Outra das cuestións formuladas é aumentar as frecuencias en todas as liñas, as existentes e as novas, para asegurar un mínimo dun bus cada 20 minutos no horario de maior demanda e cada 30 minutos no resto do día, fronte a actual frecuencia media dunha hora. Piden tamén que todas as liñas operen en fin de semana e festivos cunha frecuencia mínima de 45 minutos. Defenden que a Praza de América e a Praza dos Cabalos funcionen como nodo de conexión, mellorando a frecuencia e a cadencia horaria doutras liñas para desta maneira permitir o transbordo nun tempo razoábel, o que melloraría a conexión de zonas como Lavadores, A Salgueira ou o ensanche de Gran Vía, entre outros. Por derradeiro, demandan estudar a mellora da conexión das parroquias do cinturón periurbano (rural) e o litoral co HAC, mesmo coa creación de novas lanzadeiras ou a posta en marcha dun circular.
“Estas medidas entendemos que son o punto de partida mínimo, para ofrecer unha conexión por bus en condicións dignas e dar resposta suficiente á demanda dos barrios e parroquias da cidade. Agardamos polo ben da cidade que Caballero rectifique e as tome en consideración”, concluíu Otero.