O BNG exixe ao Goberno galego que actúe fronte a situación ‘calamitosa’ do sector eléctrico
_A formación nacionalista realizou unha acción simbólica diante das oficina de atención ao cliente de Gas Natural - Fenosa en Vigo.
_Reclaman que se exixan responsabilidades ás empresas subministradores polos apagóns, que se compense aos concellos, fogares e empresas afectadas.
_Exixen o traspaso da competencia da xestión eléctrica, e reiteran a proposta dunha tarifa eléctrica galega e da redución do IVE para abaratar a factura de fogares e empresas.
O BNG denunciou esta mañá en Vigo a situación “calamitosa” do sector eléctrico en Galiza. Fíxoo cunha acción simbólica ás portas da oficina de atención ao cliente da compañía Gas Natural – Fenosa, na rúa López Mora da cidade olívica. No acto, no que tomaron parte dirixentes, militancia e simpatizantes do BNG, despregáronse carteis nos que se aludía tanto ao reclamo dunha tarifa eléctrica galega como a denuncia das “portas xiratorias” existentes no sector.
"Non chega con que as eléctricas digan 'desculpen as molestias', teñen que reparar a situación e atender e compensar as persoas prexudicadas", Serafín Otero.
O responsábel local do BNG, Serafín Otero, explicou en declaracións aos medios de comunicación, que a formación nacionalista está a impulsar mocións nos concellos en relación aos apagóns eléctricos rexistrados nos últimos días e que privaron de subministro eléctrico a unha parte importante do territorio galego durante 72h. Na moción demándase ao Goberno galego que avalíe de maneira urxente os danos producidos polos temporais, e que se habiliten axudas públicas para facer fronte aos danos e compensar as perdas ocasionadas a concellos, fogares e empresas.
O Bloque reclama ademais que se exixan responsabilidades ás empresas subministradoras pola situación “calamitosa” da rede eléctrica en Galiza. "Non chega con que digan 'desculpen as molestias', teñen que reparar a situación e atender e compensar as persoas prexudicadas. Hai que obrigalas a efectuar unha auditoría das instalacións", defendeu Otero quen cualificou de “escusas” aludir a circunstancias meteorolóxicas “de sobra coñecidas en Galiza”.
Tarifa eléctrica galega
A formación nacionalista entende que a situación vivida nos últimos días confirma a necesidade de que se transfira a xestión de enerxía a Galiza. Ademais, xulgan que é máis necesario que nunca que se implemente unha tarifa eléctrica galega, que podería supor unha redución de custes de até o 30%, e que ademais se reduza o IVE do 21 ao 4% para reducir a factura eléctrica, que consideran “desorbitada” e que está a producir un aumento de situacións de pobreza enerxética en Galiza.
Otero cuestionou con dureza a inacción da Xunta e a posición esquiva do Partido Popular nesta cuestión, malia afectar de maneira directa ao conxunto da poboación e tratarse dun subministro “básico”. Neste sentido, o responsábel local do BNG aludiu ás ‘portas xiratorias’ que levan a que ex altos cargos do PP, e tamén do PSOE, acaben nos Consello de Administración das grandes compañías eléctricas, como probábel explicación dese “silencio cómplice”.