BARÁ: “É INCÍBEL QUE A DÍA DE HOXE CINCO RAPACES ESTEAN CONDENADOS A PRISIÓN POLO FEITO DE EXPRESAR AS SÚAS IDEAS POR MEDIO DA ARTE”
Apoiamos o grupo musical La Insurgencia e demandamos no Parlamento a derrogación da Lei Mordaza
O BNG reuniuse esta mañá co grupo de apoio a La Insurgencia, cuxos integrantes foron condenados a dous anos e un día de prisión por exerceren a liberdade de expresión. No marco desta xuntanza en Vigo, Luis Bará, deputado do Bloque Nacionalista Galego, presentou publicamente a proposición non de lei que o BNG defenderá no vindeiro pleno do Parlamento Galego en prol dos dereitos fundamentais e da liberdade de expresión.
Desde o BNG esixiron ao Parlamento de Galiza que exprese o seu apoio aos integrantes do colectivo musical La Insurgencia, condenados pola Audiencia Nacional a dous anos e un día de prisión, “así como a todas as persoas procesadas, condenadas ou sancionadas por execeren a lliberdade de expresión, de creación ou de crítica”, anunciou Bará.
Na xuntanza, na que estiveron presentes o deputado do BNG Luis Bará xunto co responsábel local do Bloque en Vigo, Serafín Otero, anunciouse que “solicitamos á Xunta que demande ao goberno do estado a derrogación da Lei de Seguridade Cidadá –Lei Mordaza- e a modificación do código penal para impedir a actual interpretación represiva dos delitos de incitación ao odio e enaltecemento do terrorismo”, asegurou Bará.
Neste sentido, Bará criticou a inacción das forzas políticas presentes no Congreso dos Deputados por non derrogaren a Lei Mordaza, habendo a oportunidade ao PP non ter maioría absoluta.
Luis Bará denunciou que “España está a competir con Turquía no ranking de represión de dereitos fundamentais”. O deputado do BNG denunciou en rolda de prensa que “a persecución do exercicio dos dereitos fundamentais e a liberdade de expresión e de pensamento, configura o estado español como un estado de excepción e de represión que non está ao nivel das democracias europeas”.
O BNG expresou o seu desacordo coa sentenza da Audiencia Nacional, que o 4 de decembro de 2017, condenou, coa máxima pena pedida pola fiscalía, a doce integrantes do colectivo musical La Insurgencia. Cada integrante do colectivo foi condenado a dous anos e un día de prisión , 4.800 euros de multa e oito anos e un día de inhabilitación para exercer cargo público.
Bará afirmou que o a sentenza fala dun risco “abstracto”, contradicindo a doutrina da Directiva Europea sobre enaltecemento, que indica que debe existir “risco certo e concreto” para convivencia pacífica. “Esta sentenza tamén vai en contra da xurisprudencia do Tribunal Europea de Dereitos Humanos” denunciou Bará.
Esther Lora, en representación do grupo de apoio a La Insurgencia, agradeceu ao BNG que leve ao Parlamento este debate, e denunciou os “métdos do poder de acabar con todo aquel que non pensa coma eles”. Lora anunciou próximas actividades de apoio e mobilización “até que o Tribunal Supremo resolva o recurso faremos campaña, concertos en solidariedade con eles e coas demais persoas que padecen a represión política do estado español”.
Serafín Otero, responsábel local do BNG, asegurou que “os delitos de enaltecemento do terrorismo e incitación ao odio estanse convertendo na coartada perfecta para perseguir xudicialmente a artistas e grupos musicais, coa idea de fondo de coartar a liberdade de creación e de expresión”.