DENUNCIA A DISCRIMINACIÓN DO ESTADO CUNHA INFRAESTRUTURA QUE É MOTOR ECONÓMICO PARA A CIDADE E PIDE A SÚA TRANSFERENCIA A GALIZA
Pontón propón un plan de impulso do porto de Vigo que inclúa conexión ferroviaria e a exportación de peixe desde Peinador
Ana Pontón anuncia iniciativas no Parlamento ante a estratexia privatizadora e a xestión neglixente da autoridade portuaria, tras reunirse co comité de empresa
A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou tras o encontro con representantes das e dos traballadores que o BNG aposta por un plan de impulso do Porto de Vigo que debe incluír a modernización das instalacións, a conexión ferroviaria coa PLISAM e con Portugal e que debe sumar como activo o aeroporto de Peinador para o transporte por avión de peixe, en lugar do “dislate” actual no que este tipo de exportación se fai desde Euskadi.
No encontro con traballadoras e traballadores do Porto de Vigo no que tamén participaron Serafín Otero e Manuel Caride, responsábeis local e comarcal do BNG, Ana Pontón afirmou que o porto “é un motor económico de Vigo e comarca, pero pese ao seu potencial hai unha xestión moi neglixente e deficiente que pon en perigo o potencial dun porto que lidera a exportación de peixe”, salientou Pontón. Neste sentido, a dirixente do Bloque anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias, tanto de control como de impulso, en relación a tres cuestións.
“O abandono do Porto de Vigo por parte do Estado cun centralismo que nos marxina e na modernización das infraestruturas este porto non conta”, indicou en relación a exclusión de Vigo do corredor atlántico de mercadorías dentro da Rede Transeuropea de Transporte, da que xa quedará fora previamente da categoría de porto nodal pola falta de apoio do Goberno central en Bruxelas.
A esta discriminación, hai que engadir “un modelo privatizador que nos fai perder posibilidades e un terceiro problema que radica na política autoritaria e de falta de diálogo por parte de quen xestiona a Autoridade Portuaria”, subliñou tras a información recibida desde o comité do empresa.
Outra cuestión na que incidiu a portavoz do Bloque foi no transporte de peixe desde o Porto de Vigo “moito do cal, a día de hoxe, percorre 670 quilómetros ata Euskadi para ser exportado vía área. Hai que tomar as medidas necesarias para que esa exportación de peixe por transporte aéreo se faga desde o aeroporto de Vigo, e non o disparate de ter que levalo ata o País Vasco perdendo oportunidade económicas e de emprego nesta cidade”.
Menos atraques de cruceiros
Pontón tamén puxo en evidencia as negativas consecuencias da estratexia de privatización, máis ou menos encuberta, que desenvolve o Estado a través da autoridade portuaria coa complicidade da Xunta.
“Tradúcese nunha falta de competitividade que está provocando a marcha de empresas ou no feito de que se teñan reducido dun xeito moi importante os atraques de cruceiros no porto vigués. Son sinais de alerta que avisan de que a privatización é o camiño para levar ao desastre ao Porto de Vigo”, advirte.
E dentro desa velada estratexia de privatización da autoridade portuaria, o BNG faixe eco da denuncia do comité de empresa de privatizar a lonxa, clave nun porto con evidente vocación pesqueira. “Preocúpanos moitísimo que haxa sobre a mesa ese intento escurantista de privatización da lonxa, que significa privatizar un dos motores económicos da cidade, e neste momento xa se están poñendo impedimentos e atrancos para que esa lonxa funcione”.
“Por contra, o BNG aposta por potenciar o papel do Porto de Vigo como líder de descarga de peixe e acompañar ese liderado cunha estratexia de atracción de novos tráficos”, e para iso formula unha dobre proposta.
Fuga de recursos a Madrid
En primeiro lugar, solicitar a transferencia do Porto de Vigo para Galiza, “para xerar unha política portuaria propia, de tal xeito que todos os recursos que xera en vez de fuxir cara Madrid se reinvistan no propio porto e no sistema portuario galego para a mellorar as súas instalacións”.
En segundo lugar, “darlle un impulso ao Porto de Vigo para traer novos tráficos cunha actuación conxunta de todas as administracións e cun plan que aposte pola modernización das súas infraestruturas, para levar a cabo a conexión por ferrocarril e por aproveitar o potencial do aeroporto para poder exportar peixe desde esta cidade e crear máis emprego e riqueza aquí”, argumentou Pontón.
Nas iniciativas que o Bloque levará ao Parlamento, as de impulso para reclamar a conexión ferroviaria do Porto, a súa modernización e a transferencia. As de control porán o foco nunha autoridade portuaria cuxa presidencia, designada a proposta do presidente da Xunta, “ten como único obxectivo privatizar e desmontar todo o feito en anos pasados”, concluíu, tras unha reunión na que tamén estiveron os responsables do BNG en Vigo, Serafín Otero e Manuel Caride.