O FALLO XUDICIAL VÉN A RATIFICAR O DESPROPÓSITO DA ACTUACIÓN DO GOBERNO DE ABEL CABALLERO
Urxe retomar o diálogo para a implantación do transporte metropolitano en Vigo
O fallo xudicial que obriga ao Concello de Vigo a suprimir a restrición do empadroamento para acceder á recén implantada tarxeta do transporte urbano de Vigo (PassVigo), vén a ratificar o despropósito da actuación do goberno de Abel Caballero, resultado dunha política de confrontación de carácter personalista coa Xunta de Galiza que ten ocasionando graves perxuízos á veciñanza tanto de Vigo como dos concellos limítrofes.A falla de capacidade de entendemento entre ambas as dúas administración tería convertido en papel mollado o convenio subscrito o 6 de xullo de 2016 para a integración do transporte urbano de Vigo no transporte metropolitano.
En palabras do responsable local do BNG en Vigo, Serafín Otero, “o goberno municipal de Vigo e a Xunta de Galiza son corresponsables desta situación de bloqueo, polo que desde o BNG instamos, unha vez máis, a ambas administracións a executar o convenio asinado en materia de transporte metropolitano; a través dun acordo co Concello de Vigo a respecto do financiamento, garantindo as mesmas tarifas para todas as persoas usuarias, con independencia do seu lugar de procedencia”.
Para fronte nacionalista o lóxico sería que as discrepancias existentes sobre a aplicación da tarxeta PassVigo se resolvesen a través do diálogo e cooperación entre as administracións implicadas e non nos tribunais; partindo da premisa de que co transporte metropolitano en funcionamento non se tería provocado este conflito.