O BNG de Vigo pide a Caballero que tome nota do éxito do bus nocturno e recupere as 250 frecuencias diarias suprimidas desde 2019

Xabier P. Igrexas. portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas. portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista chama a rectificar a decisión de crear unha liña N4, coa metade das frecuencias das que tiña a desaparecida N2, para reforzar de verdade o servizo nocturno

Xabier P. Igrexas: “É a mellor evidencia de que Vigo necesita unha mellora do conxunto do servizo de bus con máis frecuencias, horarios e unha revisión do mapa de liñas”

O BNG de Vigo pide a Caballero que tome nota do éxito do bus nocturno e recupere as 250 frecuencias diarias suprimidas desde 2019

O Bloque Nacionalista Galego pide ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que tome nota do éxito da ampliación dos buses nocturnos, que evidencia a necesidade de reforzar o conxunto do servizo de autobús urbano na cidade. A fronte nacionalista chama así a recuperar as 250 frecuencias diarias suprimidas desde o ano 2019 poñendo fin á “barra libre” en favor da empresa concesionaria, Vitrasa.

“O éxito da ampliación dos buses nocturno na cidade é a mellor evidencia de que Vigo necesita unha mellora no conxunto do servizo de autobús urbano, con máis frecuencias, mellores horarios e tamén coa revisión do mapa de liñas”, destacou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, quen considerou que os datos demostran que existe “unha gran demanda que non se está a atender”.

Por estes motivos, Igrexas demandou a recuperación de todas as frecuencias recortadas nos últimos anos así como das liñas desaparecidas (como o C2 ou os nocturnos 2 e 3) e tamén repoñer os traxectos completos en liñas como a 10 co obxectivo de ampliar a conexión con todos os barrios e parroquias. No caso do bus nocturno, pediu rectificar a decisión de crear unha nova liña N4 coa metade de frecuencias que a N2 eliminada.

O portavoz municipal nacionalista valorou como positivo que existan alternativas de bus para moverse de noite pola na cidade para ir a un concerto, a unha festa ou a outra actividade de lecer. “Pero inda sería mellor poder ter o bus como opción para acudir ao Hospital Álvaro Cunqueiro, para poder vir desde as parroquias ao centro en fin de semana ou simplemente para poder ir traballar”, reclamou.

Dende o BNG celebran que o alcalde descubrise por fin que ofrecendo máis frecuencias e liñas se incrementa o número de persoas usuarias do bus. “Agora só falta que poña fin á política de barra libre en favor de Vitrasa e que comece a dar pasos para dotar a maior cidade de Galiza dun bus á altura dunha urbe de 300 mil habitantes”, engadiu Igrexas.

Para o portavoz municipal do Bloque o único camiño para revolucionar a mobilidade na cidade e avanzar cara un Vigo máis habitábel e sustentábel, onde as persoas gañen espazos aos coches, pasar por dotar á cidade dun moito mellor servizo de bus urbano. 

O BNG de Vigo pide a Caballero que tome nota do éxito do bus nocturno e recupere as 250 frecuencias diarias suprimidas desde 2019