O BNG reclama á Xunta unha rectificación urxente dos recortes de docentes na educación pública de Vigo

As deputadas do BNG Alexandra Fernández e Cristina Fernández reunidas con Anpas de Vigo
As deputadas do BNG Alexandra Fernández e Cristina Fernández reunidas con Anpas de Vigo

A fronte nacionalista denuncia a supresión de profesorado e de especialistas para atender ás crianzas con necesidades específicas de apoio educativo, despois de manter un encontro con representantes de Anpas da cidade

Alexandra Fernández: “O PP quere converter en norma que haxa nenas e nenos que queden excluídos do sistema educativo por falta de apoio”

O BNG reclama á Xunta unha rectificación urxente dos recortes de docentes na educación pública de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego reclama á Xunta de Galiza que rectifique de forma urxente os recortes de docentes nos centros educativos públicos de Vigo. A fronte nacionalista denuncia a supresión de profesorado e de especialistas para atender ás crianzas con necesidades específicas de apoio educativo e anuncia iniciativas no Parlamento galego para reverter esta situación.

“O BNG constatamos que hai moitas familias con enormes dificultades neste inicio de curso como consecuencia dos recortes de persoal practicados pola Xunta do PP”, alertaron as deputadas nacionalistas no Parlamento galego Alexandra Fernández e Cristina Fernández despois de manter un encontro con Anpas de centros afectados e de representantes da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais (Foanpas).

Sinalaron como exemplo a situación do CEIP Igrexa-Candeán e do CEIP Santa Mariña de Cabral, onde o Goberno galego decidiu eliminar o especialista en audición e linguaxe que compartían. Ou o caso do IES Valadares, onde pasaron de 4 especialistas en pedagoxía terapéutica a só 2 este curso.

Nese sentido, as deputadas do Bloque salientaron o “papel chave” deste persoal docente para o desenvolvemento e a integración de todo o alumnado. “O PP quere converter en norma que haxa nenas e nenos que queden excluídos do sistema educativo por falta de apoio”, censurou Fernández, asegurando que estas decisións supoñen “abandonar ás crianzas e ás súas familias negándolle os seus dereitos”.

Dende a fronte nacionalista advertiron do intento da Xunta de “parchear” estes recortes mediante un “uso malintencionado dos recursos públicos”, en particular con fondos europeos do Programa para a orientación, avance e enriquecemento educativo en centros de especial complexidade educativa (PROA) “que nin tan sequera duran todo o curso e que están pensados como un reforzo extraordinario”.

“En lugar de empregar estes fondos europeos para reforzar o sistema educativo público, e dunha mellor atención aos nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo, a Xunta de Galiza decidir continuar debilitando os cadros docentes estábeis”, criticou a deputada do Bloque, afeando que o Goberno galego incumpra incluso a súa propia normativa que esixe que todos os centros conten con profesionais para atender estas necesidades educativas. 
O BNG reclama á Xunta unha rectificación urxente dos recortes de docentes na educación pública de Vigo