O BNG continúa o seu traballo na cidade e convoca unha Asemblea Aberta a vindeira semana

O BNG continúa o seu traballo na cidade e convoca unha Asemblea Aberta a vindeira semana

Henrique Viéitez subliña que os resultados electorais foron desiguais en distintas zonas de Vigo e destaca que “hai cousas que corrixir”

 

valoración resultados henriqueVigo, 27 de maio de 2015.- O responsable local do BNG vigués, Henrique Viéitez, trasladou as conclusións da executiva local a respecto dos resultados electorais do pasado 24 de maio. “Temos que dicir que son malos, sen paliativos, xa que o obxectivo fundamental do BNG, de manter a presencia no Concello non o conseguimos”, subliñou, ao tempo que avanzou que “xa está en marcha a convocatoria do máximo organismo de dirección a nivel local, que é o Consello Local, e a Asemblea local, cun formato aberto”, similar á asemblea celebrada no pasado mes de setembro.

Acompañado dunha representación da executiva local, Viéitez destacou que “temos que analizar por que se chegou a esta situación”, ao tempo que salientou que pese aos resultados o Bloque “segue traballando e non tivo parón”. “Boa proba delo é que o primeiro órgano en xuntarse xuntouse o día seguinte da convocatoria electoral”, apuntou.

“Acordamos comparecer hoxe para transmitir a primeira análise de feita pola executiva local, na que se estudaron tanto os resultados globais do país como os resultados referidos a Vigo, por mesas, por barrios e por parroquias”, manifestou o responsable local.

Reflexión pormenorizada

Nesta liña manifestou que este traballo se plasma nos resultados electorais en barrios e parroquias. “A resposta e o resultado do BNG non é igual en todos”, salientou, ao tempo que sinalou que hai en mesas nas que o Bloque superou os resultados de quen pode ter representación no Concello, así como hai outras nas que “deixa moito que desexar”.

“Isto nos obriga a facer unha reflexión máis pormenorizada e detectar as cousas que foron positivas e axudaron a aguantar e tamén a analizar onde os resultados foron desfavorables”, salientou Viéitez, quen afirmou que “temos cousas que corrixir, entre outras ampliar o noso traballo social”. Nesta liña destacou que o BNG non é unha organización ao uso senón que mantén a súa actividade “desde a base social, traballando coa cidadanía, co entramado social”.

Modelo de cidade

Considerou que a nivel global, o BNG “é un proxecto nacional que aguanta o tirón bastante ben, con resultados dispares”, sendo a terceira forza política do país. A respecto de Vigo asegurou que “temos propostas a desenvolver na cidade, que foi o que tentamos trasladar ao conxunto da cidadanía”.

“O BNG foi quen de determinar a vida política do Concello de Vigo”, lembrou Viéitez, ao tempo que asegurou que “imos seguir seguir construíndo o modelo de cidade que hoxe xa practicamente non cuestiona ninguén”. Neste sentido lembrou que se plasmou o modelo de cidade cando o Bloque tivo a alcaldía, “hoxe asumido inclusive por aqueles e aquelas detractores na construción deste tipo de cidade”.

valoración resultados henrique 2Ao respecto asegurou que “neste sentido nos damos por satisfeitos polo traballo desenvolvido até agora”, pero recoñeceu que “efectivamente hai algunhas cousas que temos que modificar porque é certo que non fomos capaces de convencer a un electorado que nun momento si nos votou”.

Non defraudar

Ademais, o responsable local agradeceu a implicación de militancia e simpatizantes, o cal ao seu xuízo significa que o BNG “sigue estando vivo”, así como o traballo das e dos integrantes da candidatura, que segundo a Executiva Local fixo “un bo traballo”, en especial o cabeza de lista, Serafín Otero.

Asemade Viéitez agradeceu ás case 7.000 persoas que confiaron no BNG nestas eleccións. “Non os imos defraudar por que imos seguir traballando en función do proxecto e do programa que presentamos a estas eleccións”, asegurou.

Lembrou, por outro lado, que o BNG vigués mantén representación no Parlamento galego, no Parlamento español, e no Parlamento europeo, xa que parte das súas parlamentarias son de Vigo. “Teñen un actividade xeral, para todo o país, pero están asentadas na cidade de Vigo, co cal non nos imos quedar sen voz senón que imos redobrar a voz que temos no resto das institucións”, manifestou.

“Estes medios nos permiten ter unha posición de privilexio á hora de fiscalizar a actividade municipal e das decisións municipais, que xunto co contacto coa sociedade son as que afortalarán o noso traballo”, salientou Viéitez, quen considerou que afortalar o proxecto nacionalista na cidade é un dos obxectivos principais do Bloque, xunto a incidir nas políticas municipais e ter presenza na institución municipal dentro de catro anos.

 

O BNG continúa o seu traballo na cidade e convoca unha Asemblea Aberta a vindeira semana