Serafín Otero: "Cómpre un cambio nas políticas e nas maneiras; é unha necesidade urxente"
O candidato do Bloque á alcaldía subliña que é unha necesidade mudar as políticas de escaparate dos socialistas e os recortes dos populares
O portavoz nacional defendeu votar o 24M para no arrepentirse de resultados inesperados o 25-,
Vigo, 22 de maio de 2015.- O cabeza de lista do BNG Asembleas Abertas, Serafín Otero, asegurou na súa intervención no mitin de peche da campaña que o cambio está moi cerca. Faltan apenas horas para que poñamos fin a catro anos perdidos e comecemos a mudar o rumbo da cidade. Un cambio nas políticas e nas maneiras. Que poña por diante as necesidades do pobo, da maioría social que representa a clase traballadora, subliñou.
Antes de facer a súa intervención, cedeu a palabra a Domitila, a loitadora das preferentes, e a quen o portavoz nacional xe entregara o carné de honra do BNG.
Poremos fin á política de escaparate, a que antepón a propaganda a dar resposta ás necesidades da xente. E farémolo cortando o paso unha vez máis ao Partido Popular dos recortes e da corrupción. Para Vigo o cambio non é unha opción é unha necesidade. Unha necesidade urxente. Con máis de 32.000 persoas no desemprego e máis de 50.000 vigueses e vigueses baixo a ameaza da exclusión social, non temos tempo que perder. Perdemos catro anos pero podemos e debemos gañar os que están por vir, apostando decididamente polas persoas, poñendo todas as capacidades e todos os recursos ao servizo do pobo, dos seus problemas reais, asegurou.
Vigo ten que ser unha cidade para traballar e vivir dignamente. Queremos máis traballo, pero traballo de calidade, con dereitos e salarios dignos. Por iso toda a contratación pública terá cláusulas sociais. Para que ningunha empresa que non respecte os dereitos dos e das traballadoras reciba nin un só euro de diñeiro público. Por iso ampliaremos de maneira decidida o Plan de emprego e poremos en marcha un plan de choque contra o desemprego xuvenil e feminino.
Erradicar o enchufismo e a corrupción
Queremos máis participación creando espazos de poder popular con medidas como os orzamentos participativos, pero tamén moita máis transparencia. Abriremos portas e fiestras. Queremos un concello coas paredes de cristal. Para erradicarmos dunha vez por todas o enchufismo e a corrupción. Merecemos un goberno no que ningún concelleiro estea imputado por facer negocio co cemento das obras municipais. Merecemos que Vigo deixe de figurar en causas xudiciais como a Operación Patos. Merecémolo e farémolo realidade.
O BNG Asembleas Abertas temos as ideas, temos as propostas e temos a equipa para facer este cambio de rumbo unha realidade. Nós non partimos de cero. Incorporamos novas persoas e novas enerxías para continuar a excelente labor que o BNG xa veu desenvolvendo estes anos.
Di o noso lema que depende de nós, de todos e todas nós. Temos que decidir se queremos continuar con máis política de escaparate, o retorno da dereita ou un tempo novo. Un tempo novo porque votar ao BNG este domingo é un voto polo cambio, si ou si. Nin máis políticas inútiles nin máis recortes. Votar BNG-Asembleas Abertas é votar máis política de emprego e máis política social. É votar por un Vigo máis verde, sostíbel e en rede, no que recuperemos o noso litoral e impidamos a instalación dun macrocentro comercial no noso monte. Un Vigo que sexa motor de cambios para a nosa nación, para Galiza. Facelo posíbel depende de vós. Precisamos do voso apoio, do voso empuxe. Por iso, o 24 de maio hai que votar cambio, hai que votar BNG-Asembleas Abertas.
Proxecto de país
O portavoz nacional, Xavier Vence, instou ao electorado indeciso a que non fique na casa, -votar o 24M para no arrepentirse de resultados inesperados o 25-, e argumento as razóns para coller a papeleta BNG-Asembleas Abertas. Porque o teu voto ao BNG ten un dobre valor: é clave para derrotar ao PP e é clave para construír un proxecto nacionalista no conxunto do país, explicou. Neste sentido subliñou que o Bloque é a única alternativa nacionalista que lle disputa o terreo palmo a palmo ao PP desde os concellos, porque Galiza constrúese desde os 314 cidades e vilas, sen cantonalismos e sen improvisación de última hora.
Reiterou o compromiso público do BNG de que todos os concellos baixo goberno nacionalista a partir do 24M serán un contrapoder ás políticas devastadoras do centralismo e da dereita concellos libres de desafiuzamento, de pobreza infantil e de pobreza enerxética, libres de corrupción e intolerantes contra a corrupción, e impulsores da lingua e da cultura do país..
Vence pediu o voto para as candidaturas nacionalistas co aval do traballo feito nos concellos nos que goberna, un modelo de concellos BNG quere estender por toda Galiza. Votar BNG-Asembleas Abertas é votar por concellos democráticos e honestos, concellos nos que vivir e traballar, concellos dinámicos con oportunidades para a xente nova, concellos socias, públicos e orgullosos do noso, argumentou.