Unha numerosa Asemblea Aberta aposta por relanzar desde xa ao BNG en Vigo
Valórase negativamente a perda de representación e apóstase por reforzar a alternativa nacionalista sumando e ilusionando
Vigo, 5 de xuño de 2015.- Unha moi nutrida asistencia participou na tarde de onte na Asemblea Aberta realizada polo Bloque Nacionalista Galego para valorar a campaña e os resultados das eleccións municipais do 24 de maio. Nesta xuntanza apostouse por relanzar desde xa ao BNG vigués.
A asemblea, na que tomaron a palabra 27 persoas e que concluíu pasadas as 23h, desenvolveuse nun clima distendido e de absoluta normalidade, segundo explicou o responsábel local, Henrique Vieitez. Antes do inicio da asemblea, Vieitez resumía o obxectivo da mesma apelando a que o debate axudase a ter unha organización forte e potente para encarar os próximos retos.
O candidato á alcaldía, Serafín Otero, abriu a quenda de intervencións agradecendo o inmenso traballo realizado pola candidatura e a organización local e lamentando o resultado. Síntoo, fallamos, non logramos os nosos obxectivos recoñeceu. Otero, que se dixo sentir moi orgulloso de ser parte do BNG afirmou que seguirá a traballar para fortalecer a alternativa política do Bloque en Vigo. Se mañá o BNG me pedira volver a presentarme faríao sen dubidar, porque é un orgullo dar a cara por este proxecto proclamou, logo de agradecer o apoio e a confianza recibidas.
Malos resultados
A valoración realizada polo conxunto da asemblea dos resultados obtidos o pasado 24 de maio foi negativa por non se ter acadado o obxectivo fixado de manter a representación institucional no Concello, na liña da expresada pola dirección local da organización. Con todo, a asemblea valorou positivamente tanto o traballo realizado pola candidatura e singularmente polo cabeza de lista, Serafín Otero, como o desenvolvemento da campaña electoral.
Entre as causas que explicarían a perda de apoio social, unha das máis referidas foi o desgaste que a fronte nacionalista acumulou nos últimos anos e que se traduciu na perda de credibilidade como referencia alternativa. Circunstancia que non se puido atallar suficientemente malia apostar por un novo perfil político e unha renovación completa da candidatura por falla de tempo. Faltou tempo para fixar o noso discurso e dar a coñecer o novo perfil.
Futuro
A totalidade das intervencións cadraron na necesidade de tomar boa nota do resultado. Nesa dirección formulouse a necesidade de reforzar a organización alargando a base militante, actualizar os métodos de traballo e procurar fórmulas que ilusionen, sobre todo cara á mocidade. De cara ao futuro a aposta é un BNG actuante con máis iniciativa política, máis traballo social, a pé de rúa e máis organización.
O reforzamento do nacionalismo en Vigo pasará, segundo definiu a asemblea aberta, pola inclusión e a suma. Aquí non sobra ninguén, faltan moitos e moitas. Nese sentido, iniciouse o debate a respecto da fórmula de concorrencia de cara ás vindeiras eleccións xerais, baixo a premisa de que a que se escolla permita sumar e incorporar para asegurar unha presenza galega forte e diferenciada en Madrid.
A partir desas primeiras conclusións xerais, a dirección local do Bloque analizará nos próximos días polo miúdo o apuntado pola Asemblea Aberta de cara a artellar un plan de traballo, que se desenvolverá co reforzamento das asembleas abertas como instrumento de participación.