O BNG esixe ao goberno municipal máxima axilidade na tramitación do cheque social
A Executiva Local do Bloque demanda que se dispense un trato digno ás persoas que solicitan a axuda e que se poña fin ao colapso dos servizos sociais
Vigo, 28 de maio de 2015.- Para o Bloque Nacionalista Galego as longas ringleiras de xente agardando durante horas para tramitar a súa solicitude do chamado cheque social poñen en evidencia que se mantén o colapso do servizos sociais municipais. O BNG xa denunciou este colapso desde hai moitos meses e xa reclamou en diferentes iniciativas que se atendesen as demandas do persoal dos servizos sociais que urxían máis medios humanos e materiais.
Desde a Executiva Local do BNG denuncian que esta gravísima situación que ten provocado que moitas persoas demandantes comezaran a facer cola ás 5:30h da madrugada, non se limita á casa do Concello. A fronte nacionalista ten tamén constatado que son enormes as agardas nas Unidades de Traballo Social existentes na cidade. A fotografía de centos de persoas a esperar é a demostración gráfica da falla de sensibilidade social do Concello e do seu nulo sentido da prioridade aseguran.
O reforzo de persoal aprobado poucos días antes das eleccións municipais é claramente insuficiente para poder resolver un colapso acumulado durante varios meses. Neste caso particular a xestión do Goberno local é especialmente neglixente, en opinión das nacionalistas, por ser previsíbel o elevado número de solicitudes. O pasado ano xa foron case 2.000 as solicitudes cursadas lembran.
Máis medios
Alertan ademais de que, segundo están a denunciar diferentes colectivos sociais, o número de persoas que son realmente atendidas cada xornada sitúase significativamente por baixo das 150 defendidas polo alcalde. A Asemblea de Movementos Sociais de Vigo reduciu nun comunicado público esa cifra a apenas 40 persoas.
O BNG entende que ademais de reforzar con máis persoal os servizos sociais dependentes do Concello, tiñan que terse habilitado outros medios adicionais que axilizasen o procedemento e garantisen que todas as persoas que o precisen poidan solicitar estas axudas. Sé existise vontade política e capacidade de xestión, en lugar de gastar en propaganda teríanse posto en marcha sistemas de cita previa ou de solicitude por vía electrónica aseguran.
A veciñanza de Vigo merece un trato digno. As persoas que demandan axuda por non dispor de recursos económicos suficientes non poden ser ademais castigadas con teren que facer cola durante horas ás portas do Concello defenden.
Desde a fronte nacionalista reclaman ao Goberno Local que adopte medidas inmediatas para resolver esta situación. Ademais esíxenlle que a tramitación das solicitudes se resolva coa máxima celeridade. Estamos a falar de axudas para persoas con necesidades urxentes. É inaceptábel que a súa tramitación demore meses e meses. As necesidades da veciñanza non poden agardar pola burocracia municipal dun Concello colapsado e que só ten tempo para políticas superficiais e estéticas. A xente ten que comer todos os días, pagar a luz, a auga ou a vivenda. Nese sentido piden que o Concello se aplique coa mesma intensidade na política social que a que practica para axilizar as inauguracións.