O BNG apostará en revitalizar a cooperación internacional no Concello de Vigo
_O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, trasladoulle o compromiso á Coordinadora Galega de ONGs recollendo as súas propostas para o programa eleitoral.
_Máis orzamento, reactivación do Consello Local de Cooperación Internacional ou volver a incluír a Vigo no Fondo Galego de Solidariedade e Cooperación son algunhas das propostas da fronte nacionalista.
O BNG de Vigo mantivo esta mañá unha reunión con responsábeis da Coordinadora Galega de ONGs. O encontro tiña por obxecto recoller as propostas da Coordinadora en materia de política municipal e achegar posturas de cara a incorporar estas iniciativas no vindeiro programa eleitoral da candidatura encabezada por Xabier P. Igrexas. A reactivación do Consello local de Cooperación Internacional e solidariedade, a mellora substancial nos orzamentos, alargar as accións de sensibilización ou reincorporar o Concello ao Fondo Galego son algunhas das propostas que se recollen despois da cita e nas que o Bloque xa traballa.
Para a fronte nacionalista é urxente reactivar en primeiro lugar o Consello local de cooperación internacional e solidariedade que leva dous anos sen se reunir e transformalo nun espazo de participación efectiva e de co-decisión onde o goberno municipal escoite activamente as propostas das ONGs: “A primeira tarefa que se lle ten que encomendar é que sexa o organismo encargado de elaborar unha Estratexia local de cooperación que sexa plurianual, e a 4 ou 5 anos vista”, destaca Pérez Igrexas.
Neste sentido o candidato da fronte di que non pode haber unha política de cooperación sen un compromiso orzamentario real e recorda que o destinado polo actual goberno municipal foi de cero euros nos anos 2016 e 2017: “ Hai que facer unha maior aposta, o compromiso do BNG é cumprir co obxectivo de destinar o 0.7% do seu orzamento nesta materia. No 2020 ten que haber un salto cualitativo e cuantitativo e iso pasa por destinar como mínimo arredor de 1 millón de euros ou o que é o mesmo, multiplicar por dez o que se está a destinar nestes momentos e situarnos no 0,4% para garantir o 0,7% a finais do vindeiro mandato”, reclama.
O candidato á alcaldía remacha tamén que é importante que ese orzamento se distribúa a través de convocatorias públicas e transparentes de libre concorrencia, tal e como reclaman tamén as ONGs para que se destinen de xeito apropiado os recursos e opten o maior número de colectivos a estas axudas públicas.
O BNG defende tamén reforzar a serio o traballo de sensibilización de campañas como as que xa están no Concello dende hai anos como o proxecto ‘Impórtanos’. “Hai que destinar máis recursos e medios para que sexa estábel no tempo e alargue o seu ámbito de actuación, hoxe centrado na sensibilización educativa, tamén a nivel social de toma de conciencia para a axuda internacional”, expón.
Vigo, no Fondo Galego
Xabier P. Igrexas ve fundamental volver recuperar a presencia da nosa cidade no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para evitar, di, que a principal cidade de Galiza sexa a única das sete grandes urbes galegas que fique excluída dese espazo. “O Concello de Vigo ten que retornar ao Fondo para tecer sinerxías e cooperar con outros concellos e facer máis eficiente o uso de recursos públicos que se destinan á cooperación a nivel municipal”, explica.