O BNG denuncia que se seguen a producir desafiuzamentos sen alternativa habitacional en Vigo
- O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, fíxose eco de dous casos recentes que refutan a propaganda do Goberno municipal e deixan en evidencia a falla de política social de vivenda na cidade.
- Demanda “medidas e compromisos reais” tanto por parte do Concello como pola Xunta para garantir o dereito de todas as persoas a teren “un lugar no que vivir e un teito baixo o que durmir”.
Días despois de que o alcalde de Vigo se gabase publicamente de que o Concello paralizaba “dous desafiuzamentos por semana”, o BNG denunciou que na cidade se seguen a producir desafiuzamentos practicamente a diario sen ningunha alternativa habitacional.
O concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas, fíxose eco da situación de dúas familias viguesas cuxos casos eran xa de coñecemento público. Nun deles, a familia que tivo que abandonar a súa vivenda viuse abocada estes días a durmir nunha tenda de campaña na rúa despois de que o Concello de Vigo decidise non continuar a financiar a súa estadía nun hostal. Noutro, a familia afectada recibiu o pasado mércores un segundo requirimento de despexo, emitido polo propio Goberno municipal, no que se lle daba un prazo de 8 horas para desaloxar e se lle indicaba que unicamente terían dereito a permanecer nun hostal por apenas cinco días até que lograran outro aloxamento. “Esta é a verdade, esta é a realidade da política de vivenda do Concello de Vigo e da absoluta inacción da Xunta nas súas competencias de política social e vivenda na nosa cidade”, denunciou o edil nacionalista.
Falla de resposta de Concello e Xunta
“Desde o BNG o que reclamamos tanto do Concello, por ser a administración máis próxima, pero tamén e sobre todo da Xunta, por ser a administración competente e con recursos, que se actúe de maneira inmediata para evitar que en Vigo se produza nin un só desafiuzamento máis sen unha alternativa habitacional digna na propia cidade”, esixiu Igrexas.
Desde a fronte nacionalista, expresando o seu apoio ás reivindicacións de diferentes colectivos sociais como a Favec, Os Ninguéns ou a PAH, reclaman “medidas e compromisos reais” lembrando que na cidade se están a destinar apenas 134 mil euros a evitar desafiuzamentos entrementres se gastan, por exemplo, máis de 2 millóns de euros nas becas de inglés.
“O primeiro dereito das viguesas e dos vigueses, o primeiro dereito de calquera cidadá e cidadán é o de poder habitar a cidade, o de ter un sitio onde vivir, un teito baixo o que durmir, que é o que non garante nin a política aparencial do Goberno municipal nin o abandono da Xunta de Galiza en Vigo”, subliñou o portavoz nacionalista. Emporiso desde o Bloque urxen a ambas as dúas administración a coordinaren esforzos para garantir que estas situacións non se volvan repetir. Aliás, volven insistir na necesidade de que en Vigo se poña en marcha un Parque municipal de vivendas sociais, cunha reserva de vivendas para situacións de emerxencia habitacional, lembrando que na cidade hai 18.500 vivendas baleiras que na súa maioría están en mans da Sareb, de fondos voitre ou de bancos privados rescatados con diñeiro público.
“Trátase de que a resposta que se lle dea desde as administracións públicas ás familias viguesas en risco de perder a súa casa sexa moito máis que cinco días nun hostal”, resumiu Igrexas.