Igrexas esixe ao PSOE que respeite o voto de 8500 viguesas e vigueses e cese na súa “violencia administrativa” contra o BNG
- O concelleiro do Bloque pide que se faga público un recente informe do Secretario Municipal no que explica que a súa forzosa incorporación no Grupo Mixto, após xa ter sido designado como non adscrito por resolución de alcaldía, suporía minorar e limitar os seus dereitos políticos.
- A fronte nacionalista presentará esta semana o recurso de reposición para reclamar o seu dereito a contar con grupo municipal propio.
Diante das informacións publicadas nas que se alude á presunta existencia de dous informes xurídicos encargados polo PSOE para tentar forzar a inclusión do concelleiro do BNG de Vigo no Grupo Mixto, desde a fronte nacionalista aclararon que non coñecen o contido dos mesmos e declinaron valorar “informes de parte”. No entanto, o concelleiro Xabier P. Igrexas volveu reclamar ao Goberno municipal que respeite “o voto de 8.500 viguesas e vigueses” e esixiu que cese na súa “violencia administrativa” contra o BNG.
“Caballero e o PSOE teñen que aceptar dunha vez que as viguesas e os vigueses decidiron, libre e democraticamente, que o BNG volvamos ter voz propia no Pleno da Corporación. A obsesión por tentar laminar a nosa representación é dun autoritarismo inaceptábel”, valorizou Igrexas. O edil nacionalista volveu reiterar que “ningunha maioría absoluta pode adulterar o resultado electoral que en Vigo se traduciu en máis pluralidade, con catro forzas políticas diferentes onde antes había tres”. “Claramente a Caballero moléstalle a pluralidade porque lle sobra a democracia”.
Desde a fronte nacionalista denuncian que o Goberno municipal ten entrado nunha “obsesiva espiral” que só persegue negar os dereitos fundamentais que como cargo electo lle corresponden ao seu concelleiro. “Primeiro negáronnos ilegalmente o noso dereito a ter grupo municipal propio, despois designáronme concelleiro non adscrito e agora parece que pretenden dar unha volta de rosca máis emparedándome pola porta de atrás no Grupo Mixto”, explicou Igrexas. Para o nacionalista toda esta estratexia “disparatada en termos xurídicos e aberrante a nivel democrático” só pretende impedir que no Pleno “as catro forzas políticas que resultamos elixidas poidamos expresarnos en igualdade de condicións”.
Informe do Secretario Municipal
Para alén de non entrar a valorar o contido filtrado dos informes de parte encargados polo PSOE, Igrexas pediu que o Goberno municipal faga público o informe adicional a respeito da súa designación como non adscrito, elaborado polo Secretario Municipal o pasado 2 de xullo, con posterioridade ao Pleno de Organización, (Expediente 1628/110).
No mesmo recóllese expresamente que “resulta difícil entender que os concelleiros do grupo mixto -nos supostos que agora expoñeremos- ostenten no núcleo esencial da súa función representativa unhas funcións máis devaluadas que as dos ‘membros non adscritos’; esta minoración converten en irrecoñecibles os dereitos fundamentais de participación política, artigo 23.2 CE, e de participación cidadá en asuntos públicos, artigo 23.1 CE”.
Atendendo ás condicións fixadas pola actual correlación institucional e as restricións recollidas no Regulamento Orgánico do Pleno, no que ten a ver coas intervencións nos debates, a participación nas Comisións Informativas, ou a promoción de mocións, rogos e preguntas, o Secretario Municipal conclúe de maneira tallante que “a imperativa integración do concelleiro [do BNG] no grupo mixto non garante maiores dereitos políticos, ao contrario, os limita.”
Para Igrexas o informe do Secretario aclara, en detalle, o fondo da cuestión que é como se garanten os seus dereitos políticos como concelleiro. Neste sentido, a tentación de decretar a súa integración forzosa no Grupo Mixto por parte do PSOE persegue precisamente vulneralos o que supón unha “fraude democrática e un novo atropelo”.
Recurso de reposición
A situación “esperpéntica” que se está a vivir no inicio deste mandato no que ten a ver coa configuración dos grupos municipais foi provocada, segundo Igrexas, pola decisión de negar de xeito ilegal e arbitrario o dereito do propio BNG e mais da Marea de Vigo a constituíren os seus propios Grupos Municipais.
A este respeito, o Bloque presentará esta mesma semana o recurso de reposición contra esa decisión, instando a que se lle permita contar con grupo propio. “O Goberno municipal do PSOE ten que deixar de facer o ridículo e asumir con normalidade democrática que o BNG estamos no Pleno e que eu son concelleiro con todos os dereitos”, remachou.