O BNG pediralle á Dirección de Costas e Concello que informen sobre a prometida cesión do paseo de Bouzas
- O concelleiro Xabier P. Igrexas expresou o seu “apoio e comprensión” á veciñanza da vila de Bouzas que protesta cando se vai cumprir un ano de que o paseo fique inutilizado.
- A fronte nacionalista subliña que o alcalde prometeu a inicios de xaneiro deste ano que a cesión sería “inminente”.
Con comprensión e total apoio. Así reaccionou esta mañá o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, diante dos protestos veciñais que se están a producir na vila de Bouzas por causa de levar o paseo marítimo preto dun ano inutilizado.
Igrexas criticou que neste tempo a única actuación realizada foi o seu valado que impide o uso do paseo, pero non se fixo nada “para reparar nin para garantir a seguridade” do paseo, o que priva á veciñanza de Bouzas e ao conxunto das viguesas e vigueses de poder desfrutar dese enclave privilexiado.
O portavoz nacionalista no Concello anunciou que se dirixirá de maneira inmediata á Dirección de Costas estatal e interpelará o Goberno municipal para que “informen e expliquen en que punto está, no caso de que se teña iniciado a súa tramitación, o expediente de cesión do paseo ao Concello”. Igrexas denunciou que o alcalde anunciara a inicios de xaneiro deste ano, nunha mensaxe “electoralista en plena precampaña”, que a cesión sería “inminente”. Porén, máis de medio anos despois nada se sabe sobre a súa tramitación.
O edil reclamou que Goberno municipal explique con claridade con que prazos está traballando esta cuestión. “A veciñanza merece saber durante canto tempo máis vai ficar inutilizado o paseo”, remachou.