Xabier P. Igrexas sobre os desaloxos no Barrio do Cura: “Non se pode colocar o urbanismo por riba do dereito á vivenda”
_O candidato do BNG á alcaldía de Vigo cualifica de “aberrante e inhumano” o intento de tapiado de vivendas “con xente no seu interior”.
_A fronte nacionalista volve esixir que o Concello non permita “ningún desafiuzamento sen ofrecer unha alternativa habitacional digna”.
O Bloque Nacionalista Galego reaccionou con firmeza diante da problemática suscitada polos desaloxos que se están a executar en vivendas do Barrio do Cura, concretamente en varios inmóbeis da rúa Llorente e Santa Marta. Neste sentido, o candidato nacionalista á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “aberrante e inhumano” o intento de tapiado de varias vivendas “con xente no seu interior”, aludindo aos momentos de tensión vividos na mañá de onte e que provocaron a intervención dos bombeiros para permitir a saída de varias persoas que foron encerradas.
“Non se pode colocar o urbanismo, nin ningún proxecto de construción, por acima do dereito á vivenda”, manifestou Pérez Igrexas. O candidato expresou a súa enorme preocupación polas “evidente inacción dos servizos sociais municipais”. A este respeito a formación nacionalista volve esixir ao Goberno municipal que o Concello de Vigo non permita “ningún desafiuzamento sen ofrecer unha alternativa habitacional digna”. “Non podemos aceptar que un Concello con 258 millóns de euros de orzamento o único que ofreza a quen vai perder a vivenda sexa pagar unha pensión por uns días. E despois que?” denunciou.
Igrexa criticou con dureza a falla dunha política social no Concello e singularmente na ausencia de medidas para asegurar o dereito á vivenda. “Vemos como nunha cidade na que hai máis de 600 persoas sen teito, tal e como recollen os propios datos oficiais do albergue municipal, o Goberno municipal olla para outro lado cando familias viguesas fican baixo a ameaza de ficar sen un teito baixo o que vivir e durmir”.
O Bloque demanda que se reforcen de maneira substancial os servizos sociais municipais, “absolutamente colapsados e superados pola situación de emerxencia social que padece Vgo con 61 mil persoas en risco de exclusión e pobreza”. Aliás, reiteran a urxencia de dotar a cidade dunha “bolsa de vivendas sociais” para o que reclaman a cooperación entre Concello e Xunta. “A lea partidista entre Feixóo e Caballero está a provocar situacións límite como vemos cos desafiuzamentos que semana si, semana tamén, azoutan a cidade”, remacha Igrexas.