Xabier P. Igrexas: "A Ordenación Provisional é unha trampa que non resolve o problema urbanístico"

vigo7
O Bloque votou na Xerencia de Urbanismo en contra da aprobación definitiva do Instrumento de Ordenación Provisional que cualificou de “trampa”, alertando da inseguridade xurídica e das incertezas urbanísticas que pode provocar.
Xabier P. Igrexas: "A Ordenación Provisional é unha trampa que non resolve o problema urbanístico"

Esta mañá Igrexas participou dunha xuntanza extraordinaria e urxente do Consello da Xerencia de Urbanismo que tiña como único asunto a aprobación definitiva do chamado Instrumento de Ordenación Provisional. 

O BNG votou en contra desta medida argumentando que a ordenación provisional nace con importantes dúbidas sobre a súa seguridade xurídica, polas manifestas deficiencias no seu proceso de notificación e alegacións, e que abre grandes incertezas urbanísticas ao estar condicionada a súa vixencia a que se presente o borrador do novo PXOM no prazo dun ano. “A concelleira de urbanismo anunciaba en xaneiro de 2017 que ese borrador estaba xa practicamente listo, pero nada se coñece del. Non temos constancia de que traballos se están realizando para a súa elaboración nin cal é o seu cronograma” denunciou na xuntanza Igrexas.

O nacionalista reiterou que a Ordenación Provisional é unha “trampa que non resolve o problema de fondo que é que Vigo non conte cun novo PXOM”, e reprochou os 4 anos perdidos pola incapacidade política e a falla de xestión dun Goberno municipal con maioría absoluta. “Despois de 4 anos en branco, cun PXOM anulado e un PXOU do 93 que non responde ás necesidades da cidade e que non se axusta á legalidade urbanística actual, a grande solución de PSOE e PP, que nisto si están de acordo, é un parche de como moito 3 anos e medio”, criticou.
 

Xabier P. Igrexas: "A Ordenación Provisional é unha trampa que non resolve o problema urbanístico"