O BNG demanda a reapertura do paseo de Bouzas e que o proxecto da súa reforma sexa participativo

IMG_20190719_221755_927
  • O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, demanda que se fagan públicos os informes técnicos que motivan que por razóns de seguridade leve un ano fechado e dirixirase á Dirección Xeral de Costas para que informe de en que punto está a solicitude de cesión.
O BNG demanda a reapertura do paseo de Bouzas e que o proxecto da súa reforma sexa participativo

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, deslocouse esta mañá até a Vila de Bouzas, onde mantivo un encontro coa veciñanza e realizou unha visita para comprobar in situ o estado do paseo de Bouzas que leva fechado case un ano por decisión do Goberno municipal. 

IMG_20190719_221817_801O primeiro que quixo expresar Igrexas foi o total apoio do BNG á veciñanza que estas semanas protesta polo feito de non poder facer uso do paseo para quen reivindicou o seu “dereito á liberdade de expresión”, criticando a decisión municipal de retirar os carteis de denuncia elaborados polas veciñas e veciños e pendurados do valado que fecha o paseo. “Teñen todo o dereito para expresaren o seu razoábel e o Goberno municipal o que ten que facer é escoitalos”, expresou.

Igrexas demandou é que o Goberno municipal faga públicos os informes técnicos que xustifiquen o valado do paseo. ”Desde o Concello até o momento o único que se alegou foron xenericamente ‘motivos de seguridade. Pero desde o BNG o que queremos é que se faga público e se dea a coñecer que informe técnico acredita eses presuntos problemas de seguridade e cal é o seu alcance que privaron durante case 12 meses de poder acceder ao Paseo” reclamou preguntando explícitamente se existe algún risco sobre a estrutura ou de colapso arquitéctónico ou se trata apenas dun problema de falla de mantemento da superficie do propio paseo. 

No caso de que non existan riscos estruturais, e sempre e cando non se comprometa a seguridade das persoas, o  Bloque é partidario de que con independencia de que se poida promover unha reforma de maior calado, o Concello tome a iniciativa para reparar o actual paseo e poder abrilo canto antes realizando as actuacións de mantemento que foren necesarias. 

Proxecto participativo

En reacción ao anuncio dun proxecto para a reforma do paseo realizado hai poucos días polo propio alcalde, o edil nacionalita cualificou de “hilarante” que o Goberno municipal poida anunciar unha actuación nun espazo do que inda non é titular, o que ironizando equiparou con que o Concello de Vigo elaborase un proxecto para a Cidade da Cultura de Compostela. “Non ten sentido anunciar un proxecto sen ter tramitado a cesión do paseo”, advertiu. 

Nese sentido, Igrexas reiterou que a fronte nacionalista vai demandar información á Dirección Xeral de Costas do Estado para que se indique en que punto está, no caso de que se teña iniciado, o expediente administrativo para a cesión da titularidade do paseo ao Concello de Vigo. O concelleiro lembrou que o alcalde anunciou en xaneiro deste ano que esa cesión ía ser “inminente”, porén esta inda non se materializou nin nada se coñece da súa xestión.

“Con independencia dos adxectivos, de se vai ser colosal ou esplendoroso, o que desde o BNG queremos é que sexa un proxecto participativo, e que se conte cos veciños e as veciñas de Bouzas para definir que é o que se quere facer co paseo”, demandou o portavoz nacionalista. 

O BNG demanda a reapertura do paseo de Bouzas e que o proxecto da súa reforma sexa participativo