Adán: O próximo goberno da Xunta debe ter como obxectivo a reactivación do emprego en Vigo
Nun encontro veciñal no que participaron a número 2 da candidatura do BNG por Pontevedra, Carme Adán, e o portavoz municipal, Santi Domínguez, a nacionalista subliñou a necesidade de que as políticas do próximo goberno da Xunta teñen por obxectivo prioritario a reactivación do emprego en Galiza en xeral e en Vigo en particular. Neste sentido Domínguez destacou o traballo do grupo municipal nacionalista, que foi quen de impulsar o Plan de Emprego municipal, dando cabida nel a voz das asociacións veciñais.
Carme Adán trasladou aos representantes veciñais a preocupación do BNG polos datos do desemprego en Vigo, sumando xa 33.000 persoas en paro, sendo a cidade galega na que máis aumentou o desemprego. Se ben Feijóo se presentou como o candidato que remataría con este problema en 45 días, agora preséntase como o campión dos datos do paro, destacou.
A candidata nacionalista salientou que o compromiso do BNG neste eido está avalado pola súas actuacións, como é o caso do Plan de Emprego Municipal, no que ademais de fomentar a creación de postos de traballo se impulsa a participación cidadá. A participación da cidadanía e a interrelación coas asociacións veciñais para dar resposta ás súas demandas ten sido unha constante no traballo do Bloque, destacou.
Responsabilidade do Bloque
Non é o mesmo que goberne unha forza política ou outra, e iso ponse de manifesto vendo os datos de desprego. Pero tampouco é o mesmo a responsabilidade dunha forza política na oposición como o BNG que a outra, cómplice de Feijóo e Rajoy, asegurou Santi Domínguez nesta liña.
Segundo o portavoz municipal nacionalista, se o BNG non impulsara desde a súa responsabilidade na oposición o Plan de Emprego Municipal, na cidade teriamos moitos menos postos de traballo.