Adán: O PP na Xunta é insensible porque reduciu as axudas para as mulleres vítimas da violencia"
A número 2 do BNG por Pontevedra, Carme Adán, destacou este xoves que o PP na Xunta foi un goberno insensible porque reduciu as axudas para as mulleres vítimas da violencia de xénero. Na súa intervención nas XX Xornadas de Mulleres Veciñais, a candidata expresou o compromiso de retomar a igualdade como unha prioridade para o vindeiro goberno galego.
Carme Adán criticou duramente os recortes que a Xunta levou a cabo nos últimos tres anos e medio en materia de igualdade e loita contra a discriminación das mulleres. Non pode existir unha sociedade democrática sen igualdade, defendeu a candidata do BNG.
Explicou, a este respecto, que nos últimos tres anos o Goberno galego impulsou unha política que estivo claramente orientada a cuestionar os dereitos das mulleres, a desmantelar a estrutura administrativa que daba corpo ás políticas a prol da igualdade e a practicar recortes nos servizos públicos. O PP impulsou a substitución das políticas de igualdade polo reforzo do rol tradicional das mulleres, manifestou.
Mudar a situación
Co obxectivo de mudar esta situación, a candidata nacionalista subliñou que cómpre levar a cabo actuacións decididas para diminuír o efecto da aplicación do modelo regresivo do Partido Popular, que supuxo a mayor precariedade das mulleres e a súa constante perda de dereitos
Carme Adán, neste sentido, afirmou que o BNG comprométese a retomar as políticas a prol da igualdade, cun enfoque transversal. Entre as medidas que destacou figuran o impulso da visibilidade e participación das mulleres nos espazos de participación e decisión, de carácter público ou privado; garantir a igualdade de oportunidades e de trato, fomentar a contratación e inserción laboral das mulleres a través de políticas activas de emprego deseñadas específicamente e mellorar a atención e a saúde das mulleres, así como a prevención e a seguranza no eido laboral.
A candidata salientou que as propostas de goberno do BNG inclúen asemade a intensificación dos programas de apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero, analizando e modificandos protocolos existentes neste eido e elaborar unha lei galega de saúde sexual e reprodutiva para garantir a información e o acceso á anticoncepción e á interrupción voluntaria do embarazo nos recursos públicos de saúde.