A representación do BNG abandona o acto institucional polo Día Nacional de Galiza en Vigo polo desprezo da vicepresidenta Calviño á lingua galega
Calviño realizou a súa intervención, agás unha breve introdución, en español o que para as nacionalistas é un exemplo máis de galegofobia.
Xabier P. Igrexas: "Abonda deste españolismo casposo que considera que o galego non serve para as cousas importantes"
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, e a deputada no Parlamento galego, Carmela González, abandonaron o acto institucional do Concello de Vigo polo Día Nacional de Galiza, aos poucos minutos de se iniciar a intervención da vicepresidenta do Goberno español, Nadia Calviño, que exercía de pregoeira no acto.
Esta decisión está motivada polo "desprezo ao idioma oficial de Galiza, a lingua galega", por parte de Calviño que, para alén dunha brevísima introdución en galego, fixo a súa intervención en español. "Non podemos seguir soportando esta galegofobia que reduce a nosa lingua propia a un idioma de segunda, e menos nun acto institucional do Concello", criticou Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista sinalou que a vixente ordenanza municipal de normalización lingüística estabelece o galego como idioma oficial e lingua vehicular do Concello.
"Abonda deste españolismo casposo que considera que o galego non serve para as cousas importantes", afirmou.
Para Igrexas "resulta especialmente ofensivo e denigrante que algo así suceda nun acto para celebrar o Día Nacional de Galiza na maior cidade galega".
Desde a fronte nacionalista xa advertiran nos pasados días da inxustificada designación de Calviño como pregoeira, por carecer de vínculos coa cidade e polo uso partidista dun acto institucional que, ademais, tivo que ser adiado até o 12 de agosto para encaixalo na axenda da vicepresidenta.